Quen somos?

Curso 2015/2016
Este curso para nós comezou a LOMCE e tivemos que escoller unha materia optativa. E aquí estamos, estreando o Obradoiro de Expresión Escrita en Lingua Galega. Somos un grupo de cinco rapaces que este curso nos encargaremos do blog "Primeiro Expreso". A todos nos gusta facer cousas no noso tempo libre. A un gústalle moito o taekwondo e practícao dende 1º de Primaria porque cando entrou no colexio viuno no folleto de actividades extraescolares. Foi probalo e engancharse a esa actividade. A outr@ encántalle xogar ao fútbol e lévao facendo dende os tres anos. Está no Erizana, que é o equipo de Baiona. Gústalle porque vai cos amigos e descarga moita adrenalina. A outr@ tamén lle gusta o fútbol e practícao dende os tres anos, porque de pequen@ ía ver ao seu irmán adestrar e xogar partidos. A outr@ gústalle correr, e faino dende sempre pero tamén sabe xogar moi ben ao balonmán. Ademais tamén le moito, sobre todo relatos de aventuras. E a outr@ gústalle facer vela e está nun equipo de regatas co que gañou o campionato galego. Practica vela dende os oito anos e cando entrou no equipo gustoulle moito que o agasallaran cunha camiseta e un suadoiro do club. Faino porque se sente libre e encántalle o mar

Vera /1º ESO C
-------------------------------------------------------------------
Curso 2014/2015
Xa comezou un novo ano no CPI Cova Terreña. O meu curso é 1º da ESO, tamén é o curso doutras 50 persoas divididas en dúas clases: A e B.
Somos moitos pero levámonos ben. A maioría estudamos Primaria no Cova Terreña e outros fixérono no CEIP Belesar pero xa nos coñeciamos todos.
Na ESO todo cambia: os horarios, as materias, os profesores... Sen dúbida o que máis me gusta de todo son as Ciencias da Natureza. Na miña casa leo moito, por iso outra cousa que me gusta son os libros de lectura que nos mandan. No Proxecto Interdisciplinar teremos a oportunidade de converternos en xornalistas e informar á xente sobre excursións, actividades...
Espero que este ano poidamos chegar a ser tan bos como os nenos do ano pasado, que o fixeron xenial. A entrada que máis me gustou foi a de “E ti quen ves sendo?" de José María Mur.
Este proxecto paréceme moi interesante porque poderemos investigar sobre moitos temas diferentes. A min gustaríame escribir sobre autores, animais e lugares interesantes de Baiona.

Paola Di Pietro Alar / 1º ESO A
----------------------------------------------------------------------
Curso 2013/14
Este ano no noso curso, 1º da ESO do CPI Covaterreña, somos 55 alumnos e alumnas. Algúns vimos doutros centros, coma eu, que estudei Primaria no CEIP Belesar, pero xa nos coñeciamos da excursión a Manzaneda que fixemos en 6º.
Este ano no Proxecto Interdisciplinar seguiremos contándovos as cousas que sucedan no colexio, falaremos sobre festividades importantes e trataremos temas de actualidade.
Paréceme entretido e interesante que poidamos facer isto e mostrar á xente os nosos traballos e as nosas ideas a través deste blog.
Estivemos lendo os traballos dos compañeiros do ano pasado e paréceme que fixeron un excelente traballo, pero nós imos facer todo o posible por facelo tan ben coma eles!

Jaime Estévez Moreira
-------------------------------------------------------------
Curso 2012/13
Comezou o curso e este é o primeiro ano que estamos na ESO. Parece incrible! Os alumnos de 1º, os 51, estamos moi emocionados. Moitos medramos neste colexio e algúns viñeron doutros centros, como por exemplo do CEIP de Belesar.
Os horarios agora son distintos e debemos espertar cedo xa que comezamos as clases media hora antes ca en Primaria. Temos máis profesores, máis horas de clase e máis materias pois agora estudamos Francés, Ciencias da Naturaza e Ciencias Sociais.
Na hora de Proxecto Interdisciplinar converterémonos en xornalistas e iremos colgando neste blog artigos feitos por nós. Escribiremos sobre o que pasa no colexio e na nosa vila, as actividades que facemos no tempo libre, as cousas que nos interesan, faremos pasatempos…
Convidámosvos a que nos leades así que estade atentos, porque pronto publicaremos entradas novas que estamos escribindo.

Lurdes Quintela, Zaira Fernández e Antía Alonso
 --------------------------------------------------------------
Curso 2011/12
A rapazada de 1º de ESO propuxémonos facer unha revista para contar as novidades que ocorran no colexio.
En total somos 61 alumnos e estamos distribuídos en tres aulas. Aínda que somos  moi diferentes uns dos outros, levámonos bastante ben.
A maioría estudamos primaria aquí, no Cova Terreña, pero tamén hai rapaces que están este ano por primeira vez no centro porque fixeron 6º en Belesar, Panxón ou Mallón.
O que máis nos gusta a todos é o recreo. Nel uns dan voltas ao colexio "cotilleando" sobre o que pasa, outros participan nos torneos de fútbol e baloncesto que organiza a profesora de Educación Física e outros animan aos que xogan.
Moitos de nós tamén participamos no Reto Semanal de Matemáticas que consiste en resolver uns problemas moi entretidos, algúns teñen trampa, e o que gane o concurso leva un premio que aínda non coñecemos.
Para que poñades cara aos autores, deixámosvos as fotos dos rapaces e rapazas que participamos neste traballo.

José Luís Villar