30/03/2016

Jimena Gil / 1º ESO C
----------------------------------
O entroido no noso cole é todo un espectáculo, non sabedes o divertido que é, todo o mundo disfrazado! Nós todos os anos eliximos un tema para disfrazarnos, ou senón o centro pon un tema en común, aínda que en secundaria somos máis de tema libre.
Unha semana antes de todas as celebracións en secretaría ponse un boneco chamado Meco que cada día fai un mandado. Este ano o Meco mandou pór unha gravata, os ollos pintados, un gorro e uns lentes. A miña clase, 1ºC, disfrazámonos de bonecas, peluxes, bebés e algún que outro animal.
Cando todos os pais e familiares están sentados e listos para rir un pouco, comezan a saír os nenos pequenos e fan un desfile para mostrar os seus disfraces. Por último entramos os de Secundaria mentres toca o conxunto instrumental do noso cole. Cando todos están sentados sae toda a rapazada a bailar e cando todas as actuacións rematan, o entroido prosegue dentro do colexio e fóra, polas rúas de Baiona.

O trompo magnético

Vera Bernárdez / 1º ESO C
-----------------------------------

Hai uns días unha amiga trouxo á escola por erro un trompo magnético que mercara na típica tenda chinesa, probeino e encantoume. Nesa mesma tarde quedei cuns amigos e merquei un. Estiven toda a tarde xogando. Pregunteilles a algúns mestres que é o que fai que saian luces e a conclusión foi que ten unha dínamo no seu interior e que coa enerxía que xenera ao rodar polo ferro produce luces de diferentes cores: canta máis velocidade leve o trompo, máis variedade de cores mostrará.
Está composto por dous imáns nos extremos e no interior leva unha batería que xenera a electricidade, todo suxeitado por resortes e cunha dínamo rodeándoo. Por fóra está todo protexido con plástico, para ser máis resistente e que non rompa.
Na miña clase xa é bastante popular porque xa o temos tres persoas, outra vaino mercar e os demais compañeiros pídeno para xogar con el. Hai de varias cores e de varios tipos. O que eu teño custoume 3,90 euros mentres pero se o queres con música xa é máis caro.

03/02/2016

No Faro de Vigo

Jimena Gil / 1º ESO C
-----------------------
Para a excursión ao Faro de Vigo saímos  do colexio ás dez e chegamos sobre as dúas da tarde.
A guía ensinounos un documental da historia dese diario, dende o primeiro número que saíu á venda ata o dese mesmo día, ese mércores.
O Faro de Vigo é un edificio bastante moderno e cheo de cuartos con ordenadores e máquinas de impresión. A guía que durante a visita nos explicou todo, respondeunos a todas as nosas dúbidas e ensinounos todo, ata o primeiro periódico que fixera a empresa e que está impreso nun papel duro de cor rosa pau e semellaba un pergamiño. O curioso era que os xornais desa época só eran unha folla, nin máis nin menos.

Aprendemos cousas interesantes como por exemplo canto custa imprimir un xornal ou o prezo dun anuncio, que ronda entre trescentos e seiscentos euros.

Á hora da despedida a señora colleu una morea da bolsas nas que había un póster do noso equipo, o Celta, un vídeo das súas mellores xogadas, un mapa de Galicia e unha tarxeta identificadora de equipaxe.
O que máis me gustou foi a sala de máquinas, xigante, e os raís da máquina aparentaban unha montaña rusa. Dentro desa gran sala había uns rolos xigantes de papel que eran utilizados para a impresión dos xornais.

12/01/2016

Bo Nadal!

Yasmina Villar / 1º ESO C
---------------------------------
O Nadal é unha tradición que se celebra de diferentes xeitos dependendo do lugar do mundo no que nos atopemos ou da casa na que esteamos. Algúns prefiren pasar o Nadal noutro lugar e outros prefiren pasar esas datas nun ambiente familiar.
Os rapaces e rapazas esperan con ansia que termine o colexio e que comecen as vacacións, outros nenos e nenas esperan os agasallos...
Os nosos avós celebraban o Nadal de xeito moi distinto á actualidade: cantaban panxoliñas polas casas para recibir aguinaldo, asaban castañas, a decoración das casas eran moito máis simple que agora, non había Papá Noel, nin tampouco decoración de luces e árbore. Pero o que si había era o belén e as avoas preparaban doces de Nadal xa que non se mercaban nos supermercados.
O que máis me gusta do Nadal é que todos estamos en familia .

O Apalpador

Ana Rocha
--------------
O Apalpador, Apalpa-Barrigas ou Pandigueiro é a figura mítica dun xigante carboeiro ligado á tradición do Nadal. Existen testemuñas del nas comarcas de Sarria, Quiroga, Lemos, Terra de Trives e os Ancares, aínda que se está a recuperar en toda Galicia.
O Apalpador baixa a noite do 24 ou do 31 de decembro, segundo a zona, para visitar os nenos, tocándolles no ventre para ver se comeron abondo durante o ano, deixándolles unha presada de castañas (e se cadra tamén algún agasallo) e desexándolles que teñan un ano novo cheo de felicidade e fartura, murmurándolles "así esteas todo o ano".