30/05/2013

Foliada no CPI Covaterreña para celebrar o Día das Letras

Moisés Alonso e Andrea Pérez / 1º ESO A
-----------------------------------------
Para celebrar o Día das Letras Galegas, o 16 de maio tocamos a gaita con Mauro, outro compañeiro do colexio, e Pepa, a profesora de Educación Física.
Estivemos máis de dúas semanas ensaiando nos recreos e tocamos a Muiñeira de Poio, a Rianxeira, a Saia de Carolina, Ven bailar Carmiña Carmela e o máis importante para nós, o Vals para Alba.
Cando tocamos diante dos rapaces e profes de todo o colexio puxémonos moi nerviosos, pero gustounos moito a experiencia. Ademais mentres tocabamos, un grupo de baile galego tamén actuou.

Moisés:  "Quixen aprender a tocar a gaita en honor ao meu bisavó. Levoume dous anos aprender a tocar co pito para poder tocar a gaita e agora xa levo catro anos de ensaios".
Andrea: "Comecei a tocar a gaita animada por Moisés. Ao principio non me gustou pero agora podo dicir que me encanta. O máis difícil para min é encher o fol de aire porque hai que soprar moito".

O seu profesor, Xaime Estévez, púxolle de nome ao grupo Os Novos Galiños de Belesar porque xa houbo outro grupo que se chamaba Os Galiños de Belesar  e o seu fundador fora o bisavó de Moisés.

24/05/2013

Roberto Vidal Bolaño no Día das Letras Galegas

Zaira Fernández e Sabela Gallego / 1º ESO B
---------------------------------------------
Este ano nas Letras Galegas homenaxeamos a Roberto Vidal Bolaño, autor, director e actor de teatro galego nacido o 31 de agosto do ano 1950 en Santiago de Compostela e falecido no 2002.
Formou parte do "Grupo Abrente" que, a partir dos anos 70, renovou e actualizou tanto a escrita como as representacións dramáticas galegas.
A pesar de que xa nas décadas dos setenta e oitenta lograra diversos premios coma o "Abrente" ou "O Facho", o recoñecemento artístico de Vidal Bolaño non se produciu ata os anos noventa, coa obtención de premios galegos e portugueses.
A figura e a obra de Roberto Vidal Bolaño foron fundamentais na construción dun teatro nacional galego.
Algunhas das súas obras máis destacadas son: Días sen gloria, As actas escuras ou Saxo tenor.
Se queres máis información sobre a súa figura recomendámosche 

11/05/2013

Visita aos petroglifos e ao encoro de Baíña

José Carneiro e Álvaro Moreira / 1º ESO A
-------------------------------------------
O pasado 24 de abril o alumnado de 1º de ESO fixemos unha visita aos petroglifos e ao encoro de Baíña acompañados polos profesores de Ciencias Sociais Emilio, Loreto e Andrés.
Primeiro fomos á planta potabilizadora e ao encoro de Baíña. Un dos seus traballadores explicounos como se potabilizaba a auga e vimos onde se acumula. A presa é xigante e como estaba ao 100% da súa capacidade tiña aberta unha pequena fervenza para baleirala un pouco.
Despois, aproveitando que en 1º estamos a estudar a Prehistoria, achegámonos ata os petroglifos do Lameiro. Os petroglifos son gravados prehistóricos que se facían calcando sucos en grandes pedras dando un efecto de relevo e movemento, representando a caza e a humanidade.
O que máis nos gustou foi debuxar os petroglifos co resto dos compañeiros do grupo, aínda que á media mañá non é cando mellor se aprecian, pois esa luz non é a máis axeitada para contemplalos en todo o seu esplendor.