26/04/2013

Os animais de area de Theo Jansen

Andrea Pérez Fernández e Betty López Simoes / 1º ESO A
-------------------------------------------------------
Theo Jansen crea esculturas móbiles que lembran os animais prehistóricos. 
Nas praias de Holanda este escultor pon a camiñar as súas fascinantes obras. A forza do vento fai que se movan, de aí o nome de arte cinética.
Para fabricar estes enormes seres utiliza tubos e botellas de plástico que pesan pouco. Os "animais de area", que é como el os chama, poden camiñar pola praia evitando os obstáculos e a agua.
 Ademais, teñen unhas pezas que actúan como áncoras que se agarran á area e impiden que a figura sexa arrastrada por un forte refacho.
Inspirado na teoría de Darwin da evolución, Theo Jansen vai mellorarando os seus animais por ensaio e erro. O seu obxectivo final é que as esculturas poidan sobrevivir sen a axuda do seu creador.
A nós gústannos as obras deste gran artista porque poden valerse por si mesmas, son moi orixinais e tamén porque semellan animais prehistóricos e ese tema resúltanos interesante.

17/04/2013

Actividade coa Cruz Vermella

Verónica Lago e Sergio Álvarez / 1º ESO A-B
-------------------------------------------------------

Os días 21 e 22 de marzo no CPI Covaterreña houbo unha actividade cuns voluntarios da Cruz Vermella. Faláronnos da autoestima, a comunicación, os Dereitos Humanos, a violencia de xénero e o bullying entre outros. Na actividade participou 1º de ESO.
O primeiro día as actividades serviron para traballar o tema da autoestima e a comunicación. Nunha delas cinco alumnos saíron da clase e foron entrando un por un. Tiñamos que pedirlles o que quixeramos, coma bailar, cantar, actuar...
Tamén nos mandaron facer unha cadea de alumnos que formaba un círculo pechado. Despois 5 ou 6 voluntarios quixeron entrar no círculo pero só un fixo o de xeito correcto: pedindo por favor. En cambio o resto empregaba a forza bruta para entrar danándose el e danando ao resto de alumnos. Iso é un reflexo do mundo actual xa que non respectamos á xente e só pensamos en nós mesmos.
Outra actividade foi imaxinar que todos estabamos nun barco; a continuación a cada un déronnos un papel que tiña escrito un oficio ou forma de ser. O barco levaba sobrepeso e había que tirar cinco persoas. Tiñamos que decidir a cales tirar, pero era imposible dado que tiñamos que aplicar os dereitos humanos.
O segundo día faláronnos dos maltratos e o bullying. Un xogo moi interesante que fixemos foi poñer unha pelota no centro da clase e imaxinar que era unha laranxa. Depois puxeron dúas cadeiras arredor da pelota. Dous alumnos sentáronse nelas e déronlles dous papeis, pero non os leron en voz alta. Os dous alumnos comezaron a pelexar pola pelota/laranxa e todos quedamos abraiados ata que lemos os papeis. Un dicía que, para salvar ao seu pai, necesitaba toda a casca da laranxa, pois era o antídoto. O outro papel dicía que o antídoto para salvar ao seu pai estaba na polpa da laranxa. Aí entendemos porque pelexaban. Impresionámonos ao ver que por falta de comunicación entre as dúas persoas estaban a pelexar, cando os dous podían conseguir o seu propósito.
Aprendemos que todo o mundo ten dereitos, como por exemplo o dereito á vida, ou a ter unha casa e un fogar.
Gustounos moito este obradoiro, divertimos e pasámolo xenial cos compañeiros.

10/04/2013

O meu é...

A VELA

Javier Fdez Santodomingo / 1º ESO A
--------------------------------------
Vou á Escola de Vela dende hai tres anos. Alí estamos máis de cincuenta nenos e nenas. Ao principio practicas cun optimis, que é un barco moi pequeno, pero a medida que vas collendo máis experiencia vas probando outros barcos máis grandes coma o cadete, o 420, o láser...
Ás veces é un pouco aburrido porque hai alerta meteorolóxica, pero os días con sol e vento son os mellores. O malo é que só adestro un día á semana, de catro a seis e media da tarde.

 

A MÚSICA

Raquel Domínguez / 1º ESO A
-----------------------------
Eu toco a frauta traveseira na Banda de Música de Belesar dende hai máis de 5 anos. Este instrumento é moi complicado pero ensaio dous días por semana para facelo o mellor posible.
Toco nas dúas bandas: a xuvenil e a maior. Na maior hai máis nivel e máis instrumentos, pero a xuvenil serve para motivar os músicos que acaban de empezar, para aprender e así algún día poder entrar na Banda Maior. Para formar parte desta, os músicos teñen que pasar unha proba para demostrar que están preparados. Eu este ano xa estou nela.
A distribución dos músicos e instrumentos é a seguinte: na primeira fileira están situados os óboes e as frautas, detrás están os saxos, logo os violoncellos, a tuba, o bombardino, as trompas e as trompetas, e máis aló están os instrumentos de percusión.

Betty López Simoes e Ana Quintas Abia / 1º ESO A
-----------------------------------------------
Imos á Escola Municipal de Música de Baiona dende hai catro ou cinco anos. Alí aprendemos solfexo, e  a tocar a batería, o xilófono, o violín e a guitarra.
Como na maioría de centros de ensinanza, a temporada de clases comeza en setembro e remata en xuño. Esta escola está na Praza da Pedro de Castro, no edificio no que antes estaba a Casa do Concello, porque o lugar no que estaba antes estano reformando.
Hai clases de piano, percusión, violín, guitarra, saxofón, trompeta, frauta traveseira, clarinete...
Tamén ensinan linguaxe musical e música e movemento para os máis pequenos.

A FOTOGRAFÍA

Guillermo Naharro / 1º ESO B
-------------------------------
Eu sei algunhas cousas sobre fotografía. A maioría aprendinas do meu pai e dun curso de fotografía chamado "Trípode".
Aprender fotografía é complexo, posto que hai que fixarse na luz, no encadre... Tamén hai varios modos de disparo: automático, o máis usado; paisaxe, para paisaxes e obxectos fixos; retrato, úsase para fotografar as persoas; semiautomático, para axustar o tempo de apertura e o diafragma; e o disparo manual, que se usa axustando todos os controis.

O BAILE

Moisés Alonso / 1º ESO A
----------------------------
Eu estou aprendendo baile moderno. Ademais de pasalo moi ben, fago exercicio sen darme conta. Bailamos cancións de todo tipo, pero sobre todo as que teñen marcha.
Vou á escola de baile “Galicia en danza” e só neste último ano gañaron 60 primeiros! A escola está aberta a todo o público maior de 3 anos e ensinan predanza e preballet para os pequenos, moderno, clásico, contemporáneo e hip hop .

O FÚTBOL

Juan Luís Jesús / 1º ESO A
---------------------------
Eu xogo no Rácing Vilariño. Adestro tres veces á semana e facemos exercicios que me gustan moito como por exemplo tiros a porta, circuítos, partidillos... Cada fin de semana xogamos contra un equipo diferente.
Somos 16 no equipo e todos nos levamos moi ben.

01/04/2013

A festa da Arribada

Álvaro Santalla e París Vaqueiro / 1º ESO A
----------------------------------------
A Arribada celébrase con motivo da chegada de Martín Pinzón á vila de Baiona o 1 de marzo de 1493 tras o descubrimento de América.
A data de dita festa varía cada ano preo sempre coincide coa primeira fin de semana do mes de marzo.
Esta festa está catalogada como de interés turístico nacional e acolle cada ano a uns 30.000 visitantes, cifra que aumenta en cada nova edición.
A vila de Baiona engalánase cun ambiente medieval: a xente viste de época, das paredes e farolas penduran estandartes, nas rúas amoréanse carros e postos de produtos artesanais...
Durante esa fin de semana a xente recorre as rúas vendo os postos, tomando bocadillos, empanada e larpeiradas. Tamén hai espectáculos de cetrería, tiro con arco, obradoiros de oficios tradicionais e na praia represéntase unha obra de teatro baseada na chegada de Pinzón. Ademais este ano os afectados polo problema dos bancos coas Preferentes manifestáronse o primeiro día da festa para pedir solucións.
O que máis nos gusta da Arribada é o espectáculo de cetrería e que as persoas vendan as cousas que eles mesmos fan. O que menos nos gusta é que hai moitísima xente, moita en non moi boas condicións, e iso non cadra ben nunha festa tan bonita.