08/03/2013

Haití tres anos despois do terremoto

Rubén Darío Franco / 1º ESO B
---------------------------------
Pasaron xa tres anos desde que se produciu o terremoto de Haití que matou a 300 mil persoas, pero as tarefas de reconstrución do país non están demasiado adiantadas.
As necesidades máis urxentes son reducir enfermidades coma o cólera, solucionar o problema dos desprazados e construír escolas e infraestruturas de saneamento.
A promesa de doar centos de millóns de dólares para axudar a saír adiante a este país quedou, en moitos casos, nunha declaración de intencións por parte da comunidade internacional.
Miles de refuxiados seguen vivindo en campamentos improvisados, faltan moitas das escolas destruídas polo terremoto e os enfermos teñen que ser asistidos en hospitais prefabricados.
Este é un exemplo máis de esquecemento unha vez que os focos e as cámaras se apagan. Por iso diferentes ONG fan un chamamento para que os cidadáns non se esquezan do drama do país máis pobre do hemisferio norte.


05/03/2013

Problemas coa ortografía

Moisés Alonso / 1º ESO A
------------------------------
Eu cometo moitas faltas de ortografía, a maioría delas porque non emprego ben as regras xerais de acentuación ou confundo o b e o v. Moitas veces sei escribir a palabra correctamente pero á hora de facelo non me fixo e acabo escribíndoa mal.
Axuda a corrixir estes erros volver ler con atención o que se escribiu ou fixarse cando se le calquera texto.
Un profesor de Lingua e Literatura dun instituto de Málaga levou a cabo unha curiosa inicitiva á que chamou “Tu ignorancia me alimenta”. Despois de idear diferentes estratexias para mellorar a ortografía dos seus alumnos decidiu que, para recuperar os puntos restados polas faltas de ortografía nos exames, os rapaces deberían doar o mesmo número de quilos de comida. E cando rematou o primeiro trimestre levaron 500 Kg de alimentos a unha residencia de anciáns así xa vos facedes unha idea…
A min a proposta paréceme boa, porque así fíxaste máis cando escribes para non cometer faltas e recuperas a nota axudando ás persoas que o necesitan.

Tempo libre para o surf

Rafa Rodríguez / 1º ESO B
--------------------------------
Unha das miñas afeccións é o surf. Ao principio custa un pouco practicalo e ás veces pode ser un deporte de risco polo que hai que ter coidado.
Para poder facer surf necesítase unha táboa e unha zona costeira con ondas. A táboa é unha estrutura de foam, resina e fibra. Eu teño dúas: unha “Sol-life” e unha “Pukas”. A parte máis importante da táboa é a quilla e ten forma de aleta de golfiño.
No surf hai unha regra básica: a de preferencia. Consiste en que o primeiro que chegue á onda ou o que estea máis preto do seu pico ten prioridade. Tamén ten preferencia o que vai surfeando fronte ao que rema.
O único campionato mundial que se celebra en Galicia é o de Pantín (Ferrol), que xa leva facéndose 25 anos. Para min este é o mellor sitio para practicar surf pois, ademais de haber boas ondas, ten unha canle de corrente que facilita a entrada. Outros dous campionatos importantes que se celebran en España son o de Mundaca e o de Tenerife.
Os mellores surfista españois na actualidade son Gony Zubizarreta, que comezou a adestrar na praia de Patos con tan só 7 anos, Aritz Aramburu, Eneko Acero e Kepa Acero.