20/01/2013

Paradores en conflito

Ana Quintas e Xoel Martínez / 1º ESO A
----------------------------------------

En España hai 93 paradores de turismo. A maioría están en castelos e outros edificios históricos. O primeiro deles está na Serra de Gredos e foi fundado en 1928.
En Galicia hai 11 establecementos hostaleiros deste tipo. Están situados nas vilas de Tui, Baiona, Pontevedra, Cambados, Verín, Vilalba, Ribadeo, Santiago de Compostela, Ferrol, Santo Estevo e Monforte.
Durante todo o mes de decembro os traballadores dos paradores fixeron numerosas protestas con motivo do Expediente de Regulación de Emprego (ERE).
O día 8 de decembro os afectados manifestáronse en Baiona e acudiu moita xente para apoialos. Algúns paradores, coma o de Verín e o de Ferrol, corrían o risco de que os pechasen e noutros, coma o de Baiona, ían despedir a moita xente. Finalmente, e tras máis dun mes de negociación, conseguiron minimizar os peches temporais e os despidos.

Un pouco de historia

Noelia García e Gabriel Seoane / 1º ESO B
--------------------------------------------
O parador de Baiona está na fortaleza de Monterreal, na península de Monte Boi, xunto ao mar. O recinto da fortaleza ten 18 hectáreas de superficie e está rodeado por unha muralla de 3 quilómetros. Na parte máis alta encóntrase o Parador Nacional de Turismo Conde de Gondomar, un magnífico hotel de catro estrelas que leva funcionando dende 1966. Un fermoso paseo bordea o exterior da fortaleza e dá acceso ás praias que o rodean.
A torre máis antiga é a do Príncipe e data do século XV. Esta torre foi un antigo faro.
A Torre do Reloxo é do século XVI e debe o seu nome ao reloxo que posuía. Está orientada cara á terra e usábase para avisar dos ataques que procedían do mar. Para iso facíase soar a campá que tiña no seu alto e todas as igrexas do Val Miñor tocaban as súas campás avisando dos perigos.
A Torre da Tenaza foi construída polos Reis Católicos e cumpriu funcións de masmorra e polvorín.

09/01/2013

A obsolescencia programada ou comprar, tirar, comprar...

Betty López e Andrea Pérez / 1º ESO A
------------------------------------------
Se lle preguntamos á xente maior diranos que antes as cousas duraban máis, que non había que substituílas por outras ata pasado ben tempo. Como exemplo o curioso caso dunha lámpada que leva acendida ininterrompidamente máis de cen anos no parque de bombeiros de Livermore (California), reliquia dunha época na que as cousas se facían para durar.
Pero agora os aparellos electrónicos estráganse axiña e iso é debido a algo intencionado chamado obsolescencia programada. Este concepto xurdiu entre 1920 e 1930, cando se decidiu planificar a vida útil dun produto calculando de antemán o tempo que sería servible e asegurando así novas vendas.
A programación da obsolescencia ten lugar durante a fase de deseño do produto. Deste xeito garántese que falle nalgún momento e obrígase á persoa consumidora a comprar un modelo máis novo similar ao anterior. Por iso as impresoras se estragan cando imprimiron un determinado número de copias, as lámpadas fúndense cando levan acendidas un número de horas ou as medias de nailon rachan aínda que en 1920 se fabricaron unhas que eran practicamente irrompibles pero que se deixaron de vender por intereses comerciais. Iso serve para aumentar a produción e os beneficios pero a cambio dánase ao medio ambiente e ás personas xa que non só os que compran son os afectados. Ese lixo electrónico acaba en vertedoiros sen ningún control nos países máis pobres e convértese nun gran problema para os habitantes deses lugares.