26/10/2012

Tempo de Samaín, cabazas e outras larpeiradas

Ana Quintas e Lurdes Quintela / 1º ESO A
------------------------------------------
O Samaín é unha festa de orixe celta que se celebra na noite do 31 de outubro ao 1 de novembro para celebrar que remata o verán e comeza o inverno. O cristianismo converteu a festa no Día de Todos os Santos e Defuntos e a xente recorda os seus mortos.
Noutras culturas os nenos disfrázanse e piden caramelos polas casas, fanse festas e decóranse as casas con cabazas, sendo este un símbolo moi representativo desta festa, coma as pantasmas ou as bruxas e os morcegos.
No noso colexio ás veces os máis pequenos fan disfraces. Tamén nos levan á biblioteca para contarnos historias de medo. Algún ano houbo concursos de cabazas e todas eran moi bonitas, coas súas caras tan terroríficas. Este costume provén das candeas que poñían os celtas nas caveiras dos inimigos co obxectivo de asustar os espíritos malignos.
A min paréceme unha celebración moi bonita porque todos o pasan ben decorando as cabazas e xogando cos amigos.
Esta tradición levaba tempo esquecida pero nos últimos anos foise recuperando grazas ao traballo de diferentes colexios e concellos. Aquí vos deixamos algunhas ideas para sumarvos a esta tradición.

 

Como facer unha cabaza de Samaín?

Para facela precisas unha cabaza, un coitelo e unha culler. Primeiro tes que cortarlle a parte de arriba á cabaza para poder baleirala (o recheo podes aproveitalo para facer algunha receita). Logo córtaslle co coitelo o que será a cara (os ollos, o nariz e a boca) para que pareza o máis terrorífica posible. Cando remates tes que meterlle dentro unha candea para que se vexa de noite dende lonxe e dea máis medo.

Chulas de cabaza

INGREDIENTES: ( para 4-6 persoas) 
1 kg de polpa de cabaza, 200 gr de fariña, 250 gr de azucre, 6 ovos, aceite de xirasol  e sal.

PREPARACIÓN:
Cocer a cabaza cortada en anacos grandes en auga con sal ata que estea tenra (uns 10-15 minutos). Sacala e poñela nun coador grande e escorrela ben.
Cando se enfríe un pouco, esmagar a cabaza coa man para que solte a maior cantidade de líquido posible. Bater os ovos co azucre e mesturar isto coa fariña.
Engadir a cabaza e triturar todo coa batedora ata conseguir unha masa líquida homoxénea.
Quentar aceite abundante nunha cazola baixa ou tixola e ir fritindo pequenas doses da masa botándoas no aceite cunha culler. Cando estean ben fritidas, sacalas e deixalas sobre un prato ou unha fonte cuberta con papel de cociña para que perdan o exceso de aceite.
Servir tépedas, con azucre glas e/ou canela.

Eleccións ao Parlamento de Galicia 2012

Manuel Pereira / 1º ESO B
-------------------------------
O pasado 21 de outubro celebráronse as eleccións autonómicas en Galicia. Fanse cada catro anos, sempre en domingo, e as primeiras foron en 1981.
Antes hai a campaña electoral que consiste en explicar o programa e convencer aos cidadáns para que voten a ese partido. A campaña comeza coa pegada de carteis quince días antes das eleccións. O día véspera das votacións chámase xornada de reflexión e non se pode facer propaganda.
Os galegos maiores de 18 anos elixiron ao presidente da Comunidade Autónoma de Galicia e a 75 deputados (24 escanos pola provincia da Coruña, 22 pola de Pontevedra, 15 por Lugo e 14 por Ourense).
Ata o momento houbo cinco presidentes: Xerardo Fernández Albor, Fernando González Laxe, Manuel Fraga Iribarne, Emilio Pérez Touriño e Alberto Núñez Feijoo.

14/10/2012

Semana da froita no CPI Covaterreña

Sergio Álvarez Pérez / 1º ESO B
--------------------------------
O luns 1 de outubro comezou no noso colexio a primeira Semana da froita deste curso 2012/13. Esta actividade consiste en que durante unha semana se reparta froita de forma gratuíta para fomentar o seu consumo entre o alumnado. Ofreceuse plátano, pera, mandarina... A Semana da froita realízase unha vez por trimestre e lévase facendo dende hai varios anos no Covaterreña. No meu antigo colexio, o CEIP de Belesar, tamén había esta iniciativa.
Esta idea paréceme xenial dado que, ademais de acostumar aos alumnos a comer froita en vez de aperitivos como patatillas e similares, mostra a ampla cantidade de beneficios que ofrece o consumo deste tipo de alimentos. Lembrade que se recomenda tomar cinco pezas de froita ao día.
Os encargados de repartir a froita nos recreos son algúns alumnos e alumnas de 4º da ESO, mais todo o colexio participa na iniciativa.
Como suxestión, penso que estaría ben que nos vindeiros trimestres se ofreceran outras formas de consumir a froita, por exemplo en zumes ou batidos.

08/10/2012

Non quedan días de verán

Antía Alonso / 1º ESO A
--------------------------
O verán xa rematou. A min gústame esta estación porque podo ir á praia todos os días, bañarme e nadar. Tamén temos moito tempo libre para pasalo ben coa nosa familia e amigos.
Aquí temos catro estacións e cada unha dura tres meses. Están producidas pola inclinación do eixe da Terra e por iso cando no hemisferio norte é verán, no hemisferio sur é inverno.
As catro son moi diferentes e teñen algo que as fai especiais.
Agora estamos en outono (22 de setembro - 20 de decembro) e os días son máis curtos ca no verán e debería de chover moito. Os animais comezan a prepararse para o frío ou para emigrar, as árbores perden as súas follas e aparecen os cogomelos.
No inverno (21 de decembro - 20 de marzo) os días son moi curtos e os animais e as plantas teñen pouca actividade.
Na primavera (21 de marzo - 20 de xuño) hai chuvias abundantes, as aves volven da emigración e os plantas botan as súas primeiras follas, flores e froitos. 
No verán (21 de xuño - 20 de setembro) os días son moi longos e os animais atenden as súas crías.
Pero estas datas de comezo e fin de cada estación varían, pois factores como por exemplo que o ano sexa bisesto inflúen nisto.
Aínda non se sabe con seguridade se os outros planetas do Sistema Solar teñen estacións. Actualmente estase estudando o caso de Marte e, como a inclinación do seu eixe é moi parecida á da Terra, podería ter unhas estacións similares.
Engadir como curiosidade que a temperatura máis baixa do noso planeta rexistrouse en 1983 na Antártida, con -89,2 ºC e a máis quente no Val da Morte, California, cun récord de 56,7 ºC.

03/10/2012

Presentación do novo Equipo de Redacción

Lurdes Quintela, Zaira Fernández e Antía Alonso / 1º ESO
------------------------------------------------------------
Comezou o curso e este é o primeiro ano que estamos na ESO. Parece incrible!
Os alumnos de 1º, os 51, estamos moi emocionados. Moitos medramos neste colexio e algúns viñeron doutros centros, como por exemplo do CEIP de Belesar.
Os horarios agora son distintos e debemos espertar cedo xa que comezamos as clases media hora antes ca en Primaria. Temos máis profesores, máis horas de clase e máis materias pois agora estudamos Francés, Ciencias da Naturaza e Ciencias Sociais.
Na hora de Proxecto Interdisciplinar converterémonos en xornalistas e iremos colgando neste blog artigos feitos por nós. Escribiremos sobre o que pasa no colexio e na nosa vila, as actividades que facemos no tempo libre, as cousas que nos interesan, faremos pasatempos…
Convidámosvos a que nos leades así que estade atentos, porque pronto publicaremos entradas novas que estamos escribindo.