30/04/2012

Cooking chocolate muffins

Sabela Gallego e Marina González /1º ESO A
--------------------------------------------------
Algúns alumnos e alumnas de 1º da ESO fixemos muffins de chocolate nun taller de cociña coa profesora de Inglés.
Ela deunos unha fotocopia da receita. Os ingredientes e a elaboración estaban en inglés é iso serviunos para repasar e aprender vocabulario dunha maneira moi entretida.
Para facer os muffins necesitamos fariña, ovos, iogures naturais, azucre, chocolate, levadura en po e un pouquiño leite. Mesturamos ben todos os ingredientes e despois cunha culler fomos botando a masa nos moldes de papel para facer madalenas. Metemos os muffins no forno a 180ºC durante 25 minutos e xa puidemos saborear este delicioso doce.

De excursión ao porto de Vigo

 Jorge González / 1º ESO A
-------------------------------------
O 27 de marzo os alumnos de 1º de ESO fomos ao porto de Vigo co profesor de Ciencias Sociais.
Nada máis chegar, mandáronnos poñer uns chalecos reflectantes para que se vise ben que eramos visitantes. Despois explicáronnos en que consistía a pesca de baixura e de altura: a de baixura é a que se fai cerca da costa e o barco só vai un, dous ou tres días. Péscanse peixes pequenos como xoubas, raias, bacallaus, sardiñas, luras, chocos... A pesca de altura é a  que se fai lonxe da costa e os mariñeiros pasan varios meses embarcados. Neste tipo xa se pescan peixes moi grandes como o peixe espada ou o atún.
Despois fomos a un viveiro de marisco onde as nécoras, centolos e bois se distribuían en grandes piscinas de auga salgada.
Ese día o porto estaba baleiro, só había unha pequena cantidade de peixe e marisco porque ás 7 da mañá viñeran compralo.
Cando acabamos de ver o porto fomos a unha explanada enorme, ao lado do mar, onde esperaban centos de automóbiles de diferentes marcas e modelos para ser transportados en transbordador.
Acabamos esta visita, pero quedábanos por ver o transporte de colectores e dirixímonos a outra explanada chea de colectores e tanques de gasolina. Ao seu carón estaban as vías de tren por onde tamén chegaban colectores con diferentes cargas que teñen que pasar unha inspección con máquinas e cans rastrexadores. Ese día estaban cargaban muíños de vento.

29/04/2012

Coidado e cría de vermes da seda

Jose Barra, Sabela Barra e Mara Ferreira/1ºC
----------------------------------------------------------------------
Os alumnos de 1º ESO están facendo un traballo de CC.NN coa profesora Macame . O traballo consiste en coidar vermes da seda ata que se transformen en bolboretas e despois reproducilos .
Ao principio os vermes son pequenos e negros co paso do tempo medran e vólvense marróns e brancos, despois estes transfórmanse en bolboretas ( non hai un número determinado de días para que se produza a metamorfose, varía duns vermes a outros) que porán ovos que de ser fecundados volverán saír vermes.
O coidado dos vermes consiste en cambiarlle as follas cada día ou cada dous días. O alimento é a folla da moreira ( en Baiona se localiza detrás do Eroski), tamén poden comer leituga, pero o normal é que morran comendo este tipo de folla.
O problema que presentan os vermes é que poden dar noxo, á hora de cambiar as follas; tamén adoitan ser moi delicados, se lles dá un pouco o sol poden morrer queimados. Cando un verme da seda morre, nótalo porque queda teso e comeza a encoller.

26/04/2012

Animais en perigo de extinción

Noelia Cedeira e Ismael Cabral / 1º ESO A
----------------------------------------------------
Os animais en perigo de extinción son aqueles que están ameazados polos cazadores furtivos, por enfermedades ou por outros problemas que fan que o número de exemplares se reduza significativamente.
Un deles é o tigre siberiano, tamén chamado tigre de Amur, en perigo pola caza furtiva. Moitos dos seus cachorros morren atropelados pola única estrada que está no seu territorio, entre a China e Rusia.
A poboación total que se rexistrou nos últimos anos foi entre trescentos cincuenta e catrocentos exemplares. Afortunadamente a caza ilegal está disminuíndo e creouse un parque para o propio tigre: comezouse con oito exemplares e xa hai máis de cen.
Tamén está en perigo de extinción o koala por causa dos cazadores furtivos que queren a súa pelaxe suave, gris e marrón para fabricar costosos abrigos. A falta de alimentos tamén contribúe á súa desaparición así como que só poidan ter unha cría por ano.
Estes dous animais viven en lugares afastados de nós pero en España tamén hai unha especie en perigo: o lince ibérico. A súa extinción débese á actividade do home, á caza e á tuberculose e podería desaparecer se non se toman as medidas de conservación do seu hábitat pois só quedan mil exemplares. Para poder salvalos hai que controlar a caza ilegal, crear pasos subterráneos ou recuperar a poboación do coello, que é o seu principal alimento.
A IUCN sostén que, se non facemos nada por salvalas, a estas especies e a moitas outras quédalles moi pouco tempo de vida.

24/04/2012

Moitos anos de profesión

Unha vida dedicada ao campo
Anxo Rodríguez / 1º ESO C
-----------------------------------------
José Martínez, “Pepe”, cumpriu xa 96 anos e vive en Belesar. El mesmo nos conta que traballar na terra é moi duro. Os cultivos que necesitan máis tempo son o millo e as uvas. Aprendeu a súa profesión do seu pai. Traballou sempre coa súa familia. Daquela coas ferramentas que se traballaba eran: os arados, as forquillas, os sachos e as gadañas. O que plantaba era para o consumo propio. Aínda agora segue dándolle ao legón. Na súa horta ten repolos, verzas, leitugas, patacas, trigo, tomates e toda clase de sementes para o gando. Traballaba dende a primeira hora da mañá ata a noite. Actualmente é unha afección e non cambiaría nunca o campo pola cidade. Ten dous fillos, 9 netos e 14 bisnetos. É un exemplo dunha persoa que lle dedicou toda a súa vida ao traballo na terra. Empezou a traballar no campo aos 26 anos porque non había outra cousa; antes estivera no mar.

 O zapateiro de Baiona
 Alex Álvarez e Paula Marcote / 1º ESO B
--------------------------------------------
“Son Xosé Manuel Álvarez Méndez e traballo de zapateiro dende hai 27 anos. A miña zapatería está ubicada no número 4 da rúa Cidade de Vigo, en Baiona. O seu nome é Zapatería Pinzón”.
Estas foron as palabras de presentación do zapateiro ao que entrevistamos para saber máis sobre este traballo tan pouco habitual.
Contounos que traballou na construción, no mar e en Citroën. Finalmente, tras a crise do 78, decidiu montar a zapatería xa que só había unha en todo Baiona e o seu propietario ía xubilarse.
Falounos dos materiais que emprega como a cola, a pel, a suela, as gomas porosas...
Tamén nos mostrou as ferramentas que usa: dous tipos de martelos, a lesna, a coitela, a máquina de linaxe, a de ensanchar zapatos, dúas máquinas de coser e unha de lixar.
Contounos que agora non ten axudantes, pero 14 anos atrás tivo tres.
El tamén se vai xubilar moi pronto e recomenda o seu traballo á mocidade, pois parécelle bonito e entretido.

A Garda Civil
Laura Fernández  e María Vázquez / 1º ESO A
-------------------------------------------
Entrevistamos a un garda civil que nos contou como é a súa profesión.
Para ser garda civil fai falla estudar moito, aprobar as oposicións e superar a academia de formación. Tamén é necesario ter o permiso de conducir e teñen que levar uniforme; o novo é verde escuro e verde claro.
A Garda Civil atende aos cidadáns e vela para que exerzan os seus dereitos e liberdades.
O seu traballo non é igual todos os días e o número de denuncias varía en función de se é verán, inverno, fin de semana…
En Baiona non teñen cans rastrexadores, pero en Vigo si que os hai.
O máis satisfactorio desta profesión é axudar á xente e deter aos ladróns. O peor é cando teñen que notificar o falecemento dalguén aos seus familiares.
O 12 de outubro celebran a festa da súa patroa, a Virxe do Pilar.

22/04/2012

Stop Motion

Brais García e Manuel Otero / 1º ESO A
-------------------------------------------
Animación realizada con 126 fotografías.


19/04/2012

Enigmas

Lucas Tank, Martín Gómez/1ºC
---------------------------------------------------------------------------
Enigma 1
Un pastor ten que pasar un repolo, unha ovella e un lobo por un río. No seu barco só pode levar un animal. Como fai?
Opción 1: Se leva primeiro o repolo e deixa sós a ovella e o lobo, o lobo come a a ovella.
Opción 2: Se leva primeiro o lobo e deixa a ovella co repolo; a ovella come o repolo.
Opción 3: Se leva primeiro a ovella e deixa o lobo co repolo non pasa nada. Pero se a volta leva o repolo, a ovella cómeo. E se leva de volta o lobo e déixao coa ovella, este come a ovella.

Enigma 2
María ía co seu pai no camión, e cando chegou a un túnel quedou atrancado e non podía moverse. María moi disposta dálle a solución ao seu pai. Como sairá o camión dese túnel?

Enigma 3
Pancracio vai todos os venres á casa da súa tía que vive no sétimo piso dun edifico do centro da cidade. Os dias que non chove, baixa no cuarto e sobe andando ata o sétimo piso, pero cando chove sobe ata o sétimo. Por que?

Enigma 4
O xefe dunha tribu india dilles aos membros da súa comunidade que o día 23 de decembro cruzará andando o río Potomac, sen afundirse na auga. Cando chega tal data fai o prometido. Como consegue tal, sen afundirse?

Enigma 5
Un día Manuel decide darlle un cambio total á súa vida. Moi cedo de mañá abandona a súa residencia, apagando todas os aparellos eléctricos e pechando a porta tras el. Esta decisión provocaría unha catástrofe con trinta e seis mortos. Por que algo tan pouco violento, como abandonar o domicilio, pode provocar tantas morte?

18/04/2012

Caderno de bitácora dun regatista

Jorge González Silva / 1º ESO A
-------------------------------------
Son regatista de clase optimist do MRCY Baiona e vouvos contar como é unha regata.
Case sempre dura dous días pero algunhas veces, cando estamos en vacacións, pódense facer de tres días. 
Todo comeza cando rematamos o adestramento do día anterior á regata. Cando acabamos, cargamos os optimist e todo o material (velas, temóns, cabos, chalecos e demais cousas necesarias).
O día da competición ás oito e media collemos a furgo e imos ao sitio onde se fai a regata. Pode ser en calquera lugar, por exemplo en Canido, Vigo, Vilagarcía, Ribeira, Carromeiro...
Cando chegamos ao porto temos que preparar os barcos e esperar a que icen delta, que é a bandeira que dá o permiso de saír ao mar ata o campo de regatas. Temos que ir ao mar por unha rampla na que ás veces se fai un un pouco de lío, pero con orde sempre se consegue saír.
Primeiro sae o barco comité, barco que dá a saída e se encarga basicamente de todo. Tamén están as zodiac cos monitores e con espectadores que veñen ver a regata.
Rematada a competición volvemos ao porto e gardamos todo no carro antes de irnos ao hotel. Alí preparámonos, duchámonos e imos cear.
Ás veces, se hai sorte, imos ao cine ou a xogar aos bolos.
Cando xa estamos cansados imos durmir ao hotel e ao día seguinte volveremos competir coma no día anterior.
Cando acaba todo preparámonos para regresar a Baiona.

13/04/2012

Londres, cidade para visitar

María Cedeira / 1º ESO A
---------------------------------
Londres é unha das cidades máis interesantes e visitadas do mundo. Cando fun era inverno pero non vos recomendo ir nesa época pois, aínda que estaba todo precioso coa neve e os lagos xeados, ía demasiado frío para disfrutalo ao máximo.
O primeiro que vos recomendo ver é o British Museum xa que ten unha exposición sobre arte exipcia moi chula con momias, xeroglíficos, esculturas...
Outro museo divertido é o Madame Tussaud no que se mostran personaxes feitos con cera como Michael Jackson, Emma Whatson, Robert Pattinson ou a raíña de Inglaterra.
O seguinte que deberiades visitar é a Torre de Londres, fortaleza dos Tudor que serviu de cárcere.
Tamén podedes pasear pola rúa dos teatros e ver algún musical como ”MAMMA MIA” de Abba (un dos máis vistos) ou ”We will rock you”, de Queen, que parece un concerto.
Se vos entra a fame podedes coller forzas nos Starbucks, que son uns cafés moi famosos e moi transitados, ou no Hard Rock Café (teñen roupa, guitarras, discos firmados polas máis importantes estrelas de rock, un dos discos de ouro de Elvis...)
Os almacéns Harrods pertenceron ao pai do pretendente de Lady Di e dentro hai un altar que ten o seu anel de compromiso. A verdade é que son tan grandes que te podes perder e están moi ben decorados.
Non debedes deixar de coñecer o mercado de Candem Town que é unha especie de mercado cuberto construído nos vellos establos de Londres, onde se gardaban e descansaban os cabalos, por iso está decorado con cabalos de bronce. Había unha tenda futurista onde vendían pequenos robots que se movían, comida de astronauta, roupa, maquillaxe, gafas de sol fluorescentes... Todo era chulísimo!
Só espero que vos animedes a visitar Londres!!!

Seguindo a pista a 29000 parrulos de goma

Yolanda Domínguez e Alex Álvarez / 1º ESO B
------------------------------------------------------
Ocorreu unha furiosa noite de xaneiro de 1992, cando un buque que saira de Hong Kong rumbo a América se avariou no medio do Océano Pacífico. Por culpa dos movementos do barco, algúns dos colectores desprendéronse das súas amarras e caeron á auga no medio da tormenta. Un deles verteu no mar 29000 xoguetes para a bañeira: parrulos, tartarugas, castores e ras. As correntes arrastraron os parrulos amarelos, as tartarugas azuis, os castores vermellos e as ras verdes.
 Os científicos seguiron con interese a traxectoria dos xoguetes ata as costas de Alaska, Gran Bretaña ou Australia e aproveitaron esta información para estudar as correntes marítimas.
A prensa de todo o mundo fíxose eco desta noticia e incluso SEAT utilizou esta historia para anunciar un dos seus coches.
Houbo persoas que chegaron a pagar 1000 euros por algún daqueles xoguetes avellentados despois da longa travesía.
Vinte anos despois do naufraxio aínda hai moitos parrulos que non chegaron ás costas.

11/04/2012

Festas gastronómicas

Jose Barra, Sabela Barra e Mara Ferreira/1ºC
----------------------------------------------------------

Non cabe dúbida de que Galicia é unha terra que ten fama de que se come ben ; tanto pola calidade dos produtos como pola cantidade. Proba diso son as festas gastronómicas que se estenden por todo o territorio galego. Aquí no Val Miñor, na localidade de Baiona destaca a Festa do mel e das noces que se celebra coincidindo coas festividades de San Cosme e San Damián (26 e 27 de setembro). Durante dous días, na praza de Santa Liberata, concéntranse numerosos postos onde se venden e se poden degustar estes produtos. En Gondomar, temos a Festa da rosquilla, o primeiro domingo de xullo na romaría da praza de San Bieito. Tamén en Gondomar, pero na parroquia de Chaín celébrase a Festa do xurelo cociñado de maneiras distintas. En Couso, son as delicias do porco as que se poden saborear na primeira semana de agosto. O concello de Nigrán ten dúas festas gastronómicas importantes: a do churrasco, na parroquia de Priegue. Nesta celebración, pódese degustar un menú a base de churrasco, cachelos, pan, viño e doces variados. Nesta mesma parroquia tamén se fai a Festa do lacón con grelos. Preto desta comarca temos o concello de Oia, aquí podemos asistir as festas do Ourizo o 11 de marzo na localidade de Mougás, nesta festa podemos degustar este produto de xeitos distintos. A Festa do polbo, cociñado á feira ou en empanada, celébrase o último sábado de abril. En agosto, temos dous acontecementos: a Festa do Caramuxo e a Festa degustación de carne de poldro organizada pola A.S.C.V. Virxe do Rosario de Torroña.

 Ao longo da comunidate atopamos outras festas, destacando: Festa da lagosta, na Guarda, Festa da lamprea en Arbo, Festa do cocido en Lalín, Festa do polbo no Carballiño, Festa do marisco no Grove. Poderiamos seguir xa que peixes, carnes, hortalizas son obxecto de celebración.

Día da muller traballadora

Carla García, Uxía Miniño / 1ºC
--------------------------------------------------------------------------
 O Día Internacional da Muller conmemórase o oito de marzo. Nesta data, as mulleres de todos os continentes se unen para celebrar o seu día, unha tradición de noventa anos de loita a prol de igualdade, a xustiza, a paz e o desenvolvemento. A idea dun día internacional da muller xurdiu ao final do século XIX, no mundo industrializado. No 1909, o 28 de febreiro celebrouse en todos os Estados Unidos o primeiro Día Nacional Da Muller, día que se mantivo ata 1913. No 1910 a Internacional Socialista reunida en Copenhague, proclamou o día da muller, de carácter nacional como homenaxe ao movemento en favor dos dereitos da muller e para axudar a máis de100 mulleres procedentes de máis de 17 países. No 1911 como consecuencia da decisión tomada en Copenhague o ano anterior, o día Internacional da Muller celebrouse por primeira vez o 19 de marzo en Alemaña, Austria, Dinamarca e Suíza. Menos dunha semana despois, o 25 de marzo, máis de 140 mozas traballadoras, a maioría inmigrantes italianas e xudías, morreron no tráxico incendio da fábrica Triangle na cidade de New York. Este acontecemento tivo grandes repercusións na lexislación laboral dos Estados Unidos e nas celebracións posteriores do día Internacional da Muller nas que se fixo referencia ás condicións laborais que conduciron ao desastre. No 1917, as mulleres rusas escolleron de novo o último domingo de febreiro para celebrar ese día. Ese histórico domingo foi o 23 de febreiro segundo o calendario xuliano, utilizado entón en Rusia, ou o 8 de marzo, segundo o calendario gregoriano utilizado noutros países.

Exposición “Mujer innovadora en la ciencia”
 O 8 de marzo os alumnos de Cova Terreña puideron visitar unha exposición sobre mulleres científicas no salón de actos, esta actividade organizouse con motivo do día da muller. Nesta exposición puideron ver e ler uns paneis que contiñan información sobre 21 mulleres famosas no mundo das matemáticas. Como podiamos ler nun dos paneis “Son todas as que están, pero non están todas as que son”. Entre elas destacaban: Carolina Lucrecia Herschel, Mary Lucy, Gabriell Emilie de Bretemil, Charlotte Anges Scott (primeira muller que ensinou nunha universidade feminina), Gaetana Agnesi, Elena Lucrecia Carnaro Piscopia (primeira muller na historia que consegue doutorarse), Julia Bowman (primeira muller académica das ciencias en EEUU), Sophie Germain, María Goeppert Mayer (premio nóbel de física), Heduanna (primeira muller rexistrada na historia da ciencia e primeira persoa que asina os seus escritos), Mileve Maric, Ada Byron, Teano(discípula de Pitágoras), Emmy Noether…

Moitas máis mulleres merecen ser homenaxeadas.
 Ademais destas mulleres coñecidas e recoñecidas. Este día tamén o merecen todas as mulleres do mundo. Entre elas as mulleres de África que percorren miles de quilómetros para obter un pouco de auga, ou aquelas outras que loitan polos seus fillos en situacións límite. Tamén hai que lembrar as mulleres que viven en países nas que están en inferioridade de condicións, xa que non teñen en conta a súa opinión. Son os pais quen organizan un matrimonio de conveniencia para obter diñeiro ou alimentos. Sería importante que no mundo se conseguise que a muller tivese os mesmos dereitos que os homes e non pasasen sucesos como un ocorrido en Marrocos. “Unha rapaza despois de ser violada obrigárona a casar co seu violador e ela desesperada suicidouse con matarratas.” Unha mención especial a todas as nais e avoas do mundo que traballaron e loitaron para que os seus fillos puidesen vivir mellor.