08/12/2012

Sucedeu o ano que nacemos

Carlos Trapero / 1º ESO A
------------------------------------
Case todos os rapaces e rapazas que estamos en 1º de ESO nacemos no 2000, un ano que prometía grandes cambios e co que comezou un novo século e un novo milenio.

02/12/2012

Simulacro de evacuación por emerxencia

Carmen Rocha / 1º ESO B
------------------------
O pasado xoves 22 de novembro fíxose un simulacro de evacuación no colexio Covaterreña.
Cando os cinco toques do timbre nos avisaron do perigo,  pechamos as ventás e a porta da clase, pero sen chave. Despois puxémonos en ringleira e baixamos polas escaleiras pegados á parede para que cando haxa un incendio de verdade os corpos de seguridade poidan ter espazo para pasar.
Se nese intre non estás na aula, podes unirte a outro grupo máis próximo ou se estás moi afastado, saír pola porta máis cercana.
Unha vez fóra do colexio temos que dirixirnos ao campo de fútbol do Aral que está ao lado do centro. Cando chegamos alí pasamos lista e vimos que estabamos todos.
Entón volvemos ao colexio e no patio estaban os bombeiros co seu camión esperándonos para facer unha exhibición. Un dos bombeiros díxonos que o fixeramos ben aínda que había que mellorar algunhas cousas. Despois colleron varias mangueiras que botaban auga con moita potencia. Tamén botaron escuma e todos nos quedamos impresionados e aplaudimos.

26/11/2012

Recollida de tapóns de plástico solidarios

María Vázquez / 1º ESO A
-----------------------------
Un ano máis o CPI Covaterreña participa na recollida de tapóns con fins solidarios.
Esta actividade consiste en recoller tapóns que, sumados aos que xunta outra moita xente, serán levados a unha empresa de reciclaxe e despois, con ese diñero, pagaranse tratamentos e operacións de nenos que o necesiten.
Serven todos os tipos de tapóns, dá igual a cor ou o tamaño, pero sempre teñen que ser de plástico.
Coordinados polo 2º ciclo de Primaria, o noso colexio recolleu tapóns o curso pasado para axudar a un neno chamado Diogo e este ano servirán para axudar a Ángel Blanco, Jessica Martínez e Alma Gil Souto.
Animádevos a traer os vosos tapóns. Axudar aos demais é moi gratificante e non custa nada!

15/11/2012

Excursión ao Parque de Aventura de Marín

Sergio Álvarez / 1º ESO B
-----------------------------
O mércores 7 de novembro os rapaces de 1º de ESO fomos ao Parque de Aventura de Marín coas profesoras de Educación Física.
Este é un parque suspendido entre árbores a unha altura considerable. Entre árbore e árbore están os xogos de cordas, pontes colgantes e obstáculos que hai que ir atravesando. Hai seis circuítos multiaventura de dificultades diferentes. Todos eles acaban nunha tirolina. A máis grande mide 120 metros e está suspendida a 14 metros de altura.
A min pareceume unha experiencia impresionante que me encantaría repetir.


Para ver máis fotos e vídeos sobre esta actividade visita http://www.edu.xunta.es/centros/cpicovaterrena/

04/11/2012

Un día de 25 horas

Sabela Gallego e Noelia García / 1º ESO B
----------------------------------------------
Os europeos temos que adiantar ou atrasar os nosos reloxos dúas veces ao ano para gastar menos en iluminación. A última vez que o fixemos foi o pasado 28 de outubro cando ás 3 da mañá cambiamos a hora para as 2. O último domingo de marzo teremos que adiantar os reloxos unha hora, polo que eses días temos 25 horas e 23 horas respectivamente.
Este cambio horario, tal e como hoxe o coñecemos, remóntase ao ano 1974, cando se produciu a primeira crise do petróleo e serve para aforrar enerxía. Estímase o aforro nuns 300 millóns de euros só en España.
Sen embargo para algunas ONG ecoloxistas, como por exemplo WWF, esta norma non é demasiado efectiva porque a enerxía que se aforra pola mañá gástase pola tarde, ao chegar aos nosos fogares, ou nas tendas e empresas que traballan despois das 6 da tarde. Para aforrar enerxía recomendan limpar con regularidade as fontes de luz, substituír as lámpadas incandescentes por outras de baixo consumo, instalar dobre acristalamento ou apagar a calefacción pola noite.

26/10/2012

Tempo de Samaín, cabazas e outras larpeiradas

Ana Quintas e Lurdes Quintela / 1º ESO A
------------------------------------------
O Samaín é unha festa de orixe celta que se celebra na noite do 31 de outubro ao 1 de novembro para celebrar que remata o verán e comeza o inverno. O cristianismo converteu a festa no Día de Todos os Santos e Defuntos e a xente recorda os seus mortos.
Noutras culturas os nenos disfrázanse e piden caramelos polas casas, fanse festas e decóranse as casas con cabazas, sendo este un símbolo moi representativo desta festa, coma as pantasmas ou as bruxas e os morcegos.
No noso colexio ás veces os máis pequenos fan disfraces. Tamén nos levan á biblioteca para contarnos historias de medo. Algún ano houbo concursos de cabazas e todas eran moi bonitas, coas súas caras tan terroríficas. Este costume provén das candeas que poñían os celtas nas caveiras dos inimigos co obxectivo de asustar os espíritos malignos.
A min paréceme unha celebración moi bonita porque todos o pasan ben decorando as cabazas e xogando cos amigos.
Esta tradición levaba tempo esquecida pero nos últimos anos foise recuperando grazas ao traballo de diferentes colexios e concellos. Aquí vos deixamos algunhas ideas para sumarvos a esta tradición.

 

Como facer unha cabaza de Samaín?

Para facela precisas unha cabaza, un coitelo e unha culler. Primeiro tes que cortarlle a parte de arriba á cabaza para poder baleirala (o recheo podes aproveitalo para facer algunha receita). Logo córtaslle co coitelo o que será a cara (os ollos, o nariz e a boca) para que pareza o máis terrorífica posible. Cando remates tes que meterlle dentro unha candea para que se vexa de noite dende lonxe e dea máis medo.

Chulas de cabaza

INGREDIENTES: ( para 4-6 persoas) 
1 kg de polpa de cabaza, 200 gr de fariña, 250 gr de azucre, 6 ovos, aceite de xirasol  e sal.

PREPARACIÓN:
Cocer a cabaza cortada en anacos grandes en auga con sal ata que estea tenra (uns 10-15 minutos). Sacala e poñela nun coador grande e escorrela ben.
Cando se enfríe un pouco, esmagar a cabaza coa man para que solte a maior cantidade de líquido posible. Bater os ovos co azucre e mesturar isto coa fariña.
Engadir a cabaza e triturar todo coa batedora ata conseguir unha masa líquida homoxénea.
Quentar aceite abundante nunha cazola baixa ou tixola e ir fritindo pequenas doses da masa botándoas no aceite cunha culler. Cando estean ben fritidas, sacalas e deixalas sobre un prato ou unha fonte cuberta con papel de cociña para que perdan o exceso de aceite.
Servir tépedas, con azucre glas e/ou canela.

Eleccións ao Parlamento de Galicia 2012

Manuel Pereira / 1º ESO B
-------------------------------
O pasado 21 de outubro celebráronse as eleccións autonómicas en Galicia. Fanse cada catro anos, sempre en domingo, e as primeiras foron en 1981.
Antes hai a campaña electoral que consiste en explicar o programa e convencer aos cidadáns para que voten a ese partido. A campaña comeza coa pegada de carteis quince días antes das eleccións. O día véspera das votacións chámase xornada de reflexión e non se pode facer propaganda.
Os galegos maiores de 18 anos elixiron ao presidente da Comunidade Autónoma de Galicia e a 75 deputados (24 escanos pola provincia da Coruña, 22 pola de Pontevedra, 15 por Lugo e 14 por Ourense).
Ata o momento houbo cinco presidentes: Xerardo Fernández Albor, Fernando González Laxe, Manuel Fraga Iribarne, Emilio Pérez Touriño e Alberto Núñez Feijoo.

14/10/2012

Semana da froita no CPI Covaterreña

Sergio Álvarez Pérez / 1º ESO B
--------------------------------
O luns 1 de outubro comezou no noso colexio a primeira Semana da froita deste curso 2012/13. Esta actividade consiste en que durante unha semana se reparta froita de forma gratuíta para fomentar o seu consumo entre o alumnado. Ofreceuse plátano, pera, mandarina... A Semana da froita realízase unha vez por trimestre e lévase facendo dende hai varios anos no Covaterreña. No meu antigo colexio, o CEIP de Belesar, tamén había esta iniciativa.
Esta idea paréceme xenial dado que, ademais de acostumar aos alumnos a comer froita en vez de aperitivos como patatillas e similares, mostra a ampla cantidade de beneficios que ofrece o consumo deste tipo de alimentos. Lembrade que se recomenda tomar cinco pezas de froita ao día.
Os encargados de repartir a froita nos recreos son algúns alumnos e alumnas de 4º da ESO, mais todo o colexio participa na iniciativa.
Como suxestión, penso que estaría ben que nos vindeiros trimestres se ofreceran outras formas de consumir a froita, por exemplo en zumes ou batidos.

08/10/2012

Non quedan días de verán

Antía Alonso / 1º ESO A
--------------------------
O verán xa rematou. A min gústame esta estación porque podo ir á praia todos os días, bañarme e nadar. Tamén temos moito tempo libre para pasalo ben coa nosa familia e amigos.
Aquí temos catro estacións e cada unha dura tres meses. Están producidas pola inclinación do eixe da Terra e por iso cando no hemisferio norte é verán, no hemisferio sur é inverno.
As catro son moi diferentes e teñen algo que as fai especiais.
Agora estamos en outono (22 de setembro - 20 de decembro) e os días son máis curtos ca no verán e debería de chover moito. Os animais comezan a prepararse para o frío ou para emigrar, as árbores perden as súas follas e aparecen os cogomelos.
No inverno (21 de decembro - 20 de marzo) os días son moi curtos e os animais e as plantas teñen pouca actividade.
Na primavera (21 de marzo - 20 de xuño) hai chuvias abundantes, as aves volven da emigración e os plantas botan as súas primeiras follas, flores e froitos. 
No verán (21 de xuño - 20 de setembro) os días son moi longos e os animais atenden as súas crías.
Pero estas datas de comezo e fin de cada estación varían, pois factores como por exemplo que o ano sexa bisesto inflúen nisto.
Aínda non se sabe con seguridade se os outros planetas do Sistema Solar teñen estacións. Actualmente estase estudando o caso de Marte e, como a inclinación do seu eixe é moi parecida á da Terra, podería ter unhas estacións similares.
Engadir como curiosidade que a temperatura máis baixa do noso planeta rexistrouse en 1983 na Antártida, con -89,2 ºC e a máis quente no Val da Morte, California, cun récord de 56,7 ºC.

03/10/2012

Presentación do novo Equipo de Redacción

Lurdes Quintela, Zaira Fernández e Antía Alonso / 1º ESO
------------------------------------------------------------
Comezou o curso e este é o primeiro ano que estamos na ESO. Parece incrible!
Os alumnos de 1º, os 51, estamos moi emocionados. Moitos medramos neste colexio e algúns viñeron doutros centros, como por exemplo do CEIP de Belesar.
Os horarios agora son distintos e debemos espertar cedo xa que comezamos as clases media hora antes ca en Primaria. Temos máis profesores, máis horas de clase e máis materias pois agora estudamos Francés, Ciencias da Naturaza e Ciencias Sociais.
Na hora de Proxecto Interdisciplinar converterémonos en xornalistas e iremos colgando neste blog artigos feitos por nós. Escribiremos sobre o que pasa no colexio e na nosa vila, as actividades que facemos no tempo libre, as cousas que nos interesan, faremos pasatempos…
Convidámosvos a que nos leades así que estade atentos, porque pronto publicaremos entradas novas que estamos escribindo.

13/06/2012

07/06/2012

Semana da ciencia

Carla García / Sabela Barra / Mara Ferreira / José Barra/1ºC
-----------------------------------------------------------------------
Na terceira semana de maio, algúns dos alumnos de primeiro de ESO fixeron de monitores para axudar nos experimentos que se realizaron na Semana da Ciencia. Actividade da que todos os alumnos e alumnas de secundaria poideron disfrutar e que se desenvolveu no salón de actos durante os recreos.A actividade foi organizada polas profesoras Macame, Ánxela e Andrea.
Había experimentos de Ciencias Naturais e de Matemáticas.
Relacionados co mundo das ciencias, podiamos participar en: “a torre de líquidos”, “os globos coas candeas”, “a moeda coa auga”, “o vaso con auga e papel”.
En matemáticas: a torre de Hannoi, o Tangram, o Matgram, os Cubisomas... e moitos máis.
Antes de participar tiñas que coller un pasaporte e a continuación  levabas a cabo algún dos experimentos. Se facías ben o experimento, poñíanche un adhesivo no nome do experimento.

Algún dos experimentos:

O vaso de auga e o papel” O primeiro paso era inchar un globo, logo achegábase a unha candea acesa , seguidamente o globo tiña que estoupar. O segundo paso era encher outro globo con auga e achegalo a candea, nesta ocasión o globo non estouraría, senón que se apagaba a candea. Por último, o terceiro paso. Neste caso tíñamos que encher un molde dunha madalena, logo achegabámola a candea e a auga tiña que ferver.

02/06/2012

Fernando Alonso, unha vida de campión.

Gabriel Álvarez, Alberto Trapero/1ºC
------------------------------------------------------------------
Fernando Alonso Díaz, nacido en Oviedo o 29 de xullo de 1981, é un piloto asturiano de Fórmula 1. Foi Campión do Mundo nas tempadas 2005 e 2006, interrompendo a serie de cinco títulos consecutivos acadada polo alemán Michael Schumacher e converténdose no gañador máis novo do título mundial, batendo a histórica marca do brasileiro Emerson Fittipaldi. Actualmente reside en Lugano (Tesino), Suíza.
Debutou no ano 2001 cun Mnardi e quedou na posición 15. No 2002 fichou por Renault, o seu compañeiro nesa temporada foi Jenson Button. No 2003 conseguiu a súa primeira pole no Circuito de Kuala Lumpur(Malasia), pero nesa carrera conseguiu o seu primeiro podio ao terminar na segunda posición.Nesa temporada e na seguinte(2004)o seu compañeiro foi Jarno Trulli. Na temporada 2005 e 2006 conseguiu dous títulos mundiais ao gañarlle na última carreira a Michael Schumacher. No 2007 ficha por Mclaren, quedando terceiro por un moi mal comportamento dos seus compañeiros. No 2008 e 2009 volveu a estar en Renault. No 2010 Fernando ficha por Ferrari. Actualmente, segue estando en Ferrari, líder do Mundial, aínda cun coche pouco competitivo. Está primeiro grazas a un campionato do asturiano incrible. Na actualidade conta con 75 podios, 26 victorias, 20 poles e 19 voltas rápidas.

27/05/2012

Que pasou en 1999?

Cristian, Carla, Uxía/1ºC
------------------------------------------------------------------------------
1999 é o ano no que nacemos a maioría dos alumn@s de 1 de ESO. Este ano lémbrarase por importantes feitos e sucesos. Entre estes destacamos:
Feitos                                                                                   
O catro de xaneiro, dáse o pistoletazo de saída para que Europa tivese unha moeda común, o euro.
                                                                                                 
No noroeste Turquía ten lugar un terremoto (17 de agosto) que mata a 17.000 persoas (inmediatamente) e outras tantas morrerán nos días posteriores.
O 20 de decembro, Macao pasa a formar parte da República Popular de China,  despois de 450 anos baixo administración portuguesa.
Neste ano, 7 de xaneiro, comeza o xuízo contra Bill Clinton, o primeiro en 130 anos contra un presidente estadounidense. Seguindo con xuízos, é en San Francisco onde se celebra un contencioso contra Philip Morris (fabricante de cigarrillos Malboro) ao que obrigan a pagar 50 millóns de dólares a unha fumadora con cancro de pulmón.
Tamén neste ano, a canle de Panamá pasa a ser explotado por este país, despois de facelo durante moitos anos  EE.UU.
Michel Jordan deixa a NBA.
Mortes
  Alfredo Kraus, tenor e profesor de canto , abandona a vida o 10 de setembro, o mesmo Joaquín Rodrigo, famoso compositor español.
En Marrocos, morre Hassan II, rei que creou o estado tras a independencia de Francia.
Películas
  Neste ano, estréanse películas como: Matris, El sexto sentido, El club de la lectura, La milla verde, La momia, Coleccionista de huesos ou La delgada línea roja.

Inventos que cambiaron a nosa vida

Duarte Nuno Márquez, Abraham Soto/1ºC
--------------------------------------------------------------------------------
Durante o século XX foron moitos os inventos e descubrimentos. Isto cambiou moito a vida da humanidade, xa que facilitaron moito o traballo, prolongaron a vida,  evitaron mortes, axudaron a que tivésemos máis entretementos no tempo de lecer.
Os maiores inventos están no ámbito da tecnoloxía e na medicina.
 Algúns destes inventos melloraron a vida cotiá, entre eles destacamos a lavadora. Esta máquina mellorou o traballo doméstico. A primeira lavadora fabricouse en EE.UU por Alva Fisher. Outros descubrimentos que contribuíron a facilitar o traballo e a hixiene foron os cueiros desbotables e a fregona, esta de creación española.
O tractor supuxo o comezo da era moderna no campo. Este aparello permitiulles aos agricultores facer o traballo en menos tempo.
No mundo comercial destaca a caixa rexistradora(1906), aparello que permitiu unha maior rapidez e precisión no cálculo. Pero quizais, sexa a tarxeta de crédito, inventada por Frank Macnamara en 1950, o que revolucionou as transacións comerciais,  xa que fixo os pagos máis cómodos e seguros.


O bolígrafo moderno, desbotable e de baixo custo, inventado polo húngaro Ladislao Josef Biro, permitiu que o material escolar estivese ao alcance de todos. A fotocopiadora aliviou, tamén, o traballo de diferentes profesionais . A primeira está datada en 1938.
O mundo da imaxe revolucionouse a través da aparición da televisión a color, inventada por Guillermo Gónzalez Macarena (1939) e a cámara polaroid (1947).
A comunicación foi un eido en que os avances foron incribles, a través da fibra óptica (1975), o ordenador, internet ou a telefonía móbil.

                                       
 
No mundo da medicina, sobresaen o descubrimento da penicilina por Fleming (1928), a píldora anticonceptiva que permitiu planificar a natalidade. Neste campo médico,  destaca a aparición de aparellos que permitiron facer probas diagnósticas como as manografías, ecografías, resonancias magnéticas.
  Estes son algúns dos inventos do século pasado, pero hai que recordar que non sempre os descubrimentos son bos para a humanidade, de feito a bomba atómica é un deses exemplos.

21/05/2012

Triunfos, aprendizaxe e diversión na Semana das Matemáticas

Obradoiro de Matemáticas en Vigo

Irene Benito e Javier Fernández / 1º ESO B
-------------------------------------------------
O 3 de maio os alumnos de 1º da ESO asistimos cos profes do Departamento de Matemáticas a un obradoiro que houbo no teatro Caixanova, en Vigo. Os monitores fixeron equipos de seis persoas e cada dez minutos, os grupos tiñan que cambiar de estación xa que había varias mesas con actividades diferentes. Había xogos do cubo Soma e hexamantes cos que se crean figuras con pezas formadas por triángulos equiláteros. Tamén resolvemos problemas de matemáticas, fixemos figuras de papel, montamos figuras coas fichas dos distintos tangram, resolvemos xogos de lóxica e outros xogos que daban un resultado máxico utilizando a calculadora.
Pasámolo moi ben facendo cousas divertidas e interesantes.

Ligamats 

Andrea Pais, David Dacasa e Sandra Rodríguez / 1º ESO B
----------------------------------------------------------
Esa semana algúns alumnos do CPI Covaterreña de diferentes cursos de Educación Primaria e Secundaria participaron no Ligamats, un concurso no que os rapaces realizan retos matemáticos como por exemplo varios tipos de tangram, pentacubos e operacións matemáticas.
A súa participación foi todo un éxito e tanto os alumnos de Primaria coma os de Secundaria clasificáronse para a final.
O grupo de 1º ciclo da ESO estivo formado por José Luis Vilar, Laura Ruíz, Manuel Fernández (os tres de 1º ESO B) e Laura González (de 2º ESO B) e quedaron en cuarto lugar. O equipo de 2º ciclo da ESO acabou en segundo lugar e os de 6º de Primaria foron terceiros.
Outro equipo formado por Noelia Cedeira, Ismael Cabral, Jorge González e María Cedeira, todos de 1º ESO A, quedou ás portas da vitoria acadando un meritorio quinto posto na clasificación xeral.
Parabéns a todos os participantes!
Estamos moi orgullosos dos Einstein que temos no Covaterreña.

Maxia coas matemáticas

José Luis Vilar, Rubén Álvarez e Manuel Fernández / 1º ESO B
-----------------------------------------------------------------
Este é un xogo de matemáticas moi entretido, consiste no seguinte:

1.- Pensa un número do 1 ao 10. 
2.- Multiplícao por nove.
3.- Se che deu un número de dous díxitos, súmaos entre si. Por exemplo: 13, sumamos 1+3= 4
4.- Réstalle 5.
5.- Cambia ese número pola letra do abecedario que lle corresponda. Por exemplo: 1 = A, 2 = B, 3 = C, 4 = D...
6.- Pensa o nome dun país que comece por esa letra.
7.- Agora pensa o nome dun animal que empece pola segunda letra dese país.

Verdade que non hai ningunha iguana en Dinamarca?

16/05/2012

Valentín Paz Andrade no Día das Letras de 2012


Laura Fernández e María Cedeira / 1º ESO A
--------------------------------------------------
O Día das Letras Galegas celébrase dende o 17 de maio de 1963. Elixiuse ese día porque se cumprían cen anos da publicación do primeiro libro escrito totalmente en galego: Cantares gallegos de Rosalía de Castro. E esa foi a escritora á que se lle adicou por primeira vez o noso Día das Letras. 
Esta conmemoración serve para homenaxear a aquelas persoas que destacaron pola súa creación literaria en galego. Cada ano adícase a unha persoa diferente que escolle a Real Academia Galega, e un dos requisitos imprescindibles é que falecera, como mínimo, dez anos antes.
Este ano homenaxéase a Valentín Paz Andrade, autor que destacou pola súa traxectoria como político, ensaísta, poeta, xornalista e empresario.
Fanse moitos actos para lembrar e recoñecer a súa importancia: os xornais agasallan aos seus lectores cun libro seu, algúns supermercados distribúen bolsas con textos do polifacético escritor, fanse exposicións con cartaces que conteñen información sobre a súa vida e obra, colócanse placas conmemorativas, realízanse ofrendas florais...
Para coñecer mellor a este autor podes enredar nas actividades interactivas que hai en http://www.edu.xunta.es/centros/ceipderebordans/aulavirtual/file.php/6/letras_galegas.html

Mara, Sabela, Jose / 1º ESO C
------------------------------------------
Valentín Paz Andrade é a persoa a que se lle dedicou este ano o Día das Letras Galegas. Home polifacético, xa que traballou como: xornalista, economista e tamén escribiu poesía e ensio.
A través dos carteis que hai no corredor do noso centro podemos ler distintos feitos relacionados co autor. A nós chamarónnos a atención os seguintes aspectos:
Como autor literario 
O máis notorio de V. Paz Andrade son os seus ensaios de ampla temática. Desenvolve temas tan dispares como a economía, a historia , a etnografía ou a lingua. O autor a través da súa poesía recorda a Castelao, a quen admirou e de quen sempre foi un gran amigo.
Sementeira do vento é un dos seus poemarios máis importantes. Foi editado por Galaxia no ano 1968 con ilustracións de Laxeiro e prefacio de Guillerme de Almeida.
Galeguista
Participou na redacción do anteproxecto do Estatuto Galego. A inicitiva de Castelao tivo unha importante participación no movemento galeguista. Actuou como un orador nun mitin de estudantes universitarios. Esta ideoloxía condicionou o seu desterro a distintas localidades galegas e o atentado que sufriu, disparáronlle cinco balazos.
Profundamente preocupado polo destino da lingua, creou a lusofonía como ponte para difundir a nosa cultura en Portugal e na emerxente potencia brasileira.
Xornalista
O día 25 de xullo en 1922 sae a luz, cunha tirada de 12 mil exemplares, un novo diario dirixido por Valentín Paz Andrade, “Galicia”.
Economista
Paz Andrade estivo moi vinculado ao mundo da empresa e manifestou unha singular preocupación pola realidade socioconómica de Galicia e en particular polo mundo da pesca, estivo detrás da creación da empresa Pescanova.
Algúns versos
1
O mar é o elemento
boas vindas ao porto, mariñeiros
(...)
O mar é un elemento común na súa poesía como vemos nos versos anteriores.
2
Cando ti volvas
(...)
Así comeza un dos seus poemas máis coñecidos e dedicado ao seu gran amigo Castelao.
3
Chora, terra, teu pranto das augas e dos eidos, e dos ares
(...)
Galicia é o elemento central deste poema, terra que sentiu e levou sempre con el.



15/05/2012

Entrega de premios da II Edición do Reto Semanal

 Ismael Cabral e Noelia Cedeira / 1º ESO A
-----------------------------------------------------
A segunda edición do Reto Semanal tivo como protagonista o Tangram. Neste xogo fórmanse figuras diferentes partindo de sete fichas: dous triángulos grandes, dous pequenos, un mediano, un cadrado e un rombo de tamaño medio.
Os premios para os gañadores desta edición foron unhas orixinais madalenas que levaban o nome de cada participante escrito con figuras de Tangram. Tamén recibiron un xogo de enxeño de madeira e déuselles a oportunidade de participar no concurso matemático “Ligamats” onde se resolven retos de lóxica, Tangram e Pentaminó.

04/05/2012

Tres fotografías históricas

 Carla Cividanes e Laura Ruíz / 1º ESO B
----------------------------------------------------

Sharbat Gula, a nena afgá


En xuño de 1984 Sharbat Gula foi fotografada por Steve McCurry. Ela tiña 12 anos e estaba no campamento de refuxiados Nasir Bagh (Pakistán) durante a guerra de Afganistán. A súa foto foi publicada na portada de National Geographic un ano despois e, debido aos seus expresivos ollos verdes, a portada converteuse nunha das máis famosas da revista.
McCurry, despois de 17 intensos anos de búsqueda e grazas á axuda dunha rede de contactos do campo de refuxiados, conseguiu reencontrarse coa nena á que o tempo desmellorara visiblemente. A súa identidade foi confirmada ao 99,9% grazas a unha tecnoloxía de recoñecemento facial do FBI e á comparación da meniña do ollo.

  

 

Os obreiros de New York

Charlie Clyde Ebbets foi o autor da famosa foto dos obreiros. Este fotógrafo naceu en Gagdsen (Alabama) en 1905. A súa afección pola fotografía comezou cando aínda era un neno de 8 anos e mercou a súa primeira cámara sen o permiso dos seus pais. Con só 15 anos comezou a traballar co seu pai nun xornal e alí publicou as súas primeiras fotos.
A súa fotografía máis famosa foi “Lunchtime a top a Skycraper”. Foi tomada en 1932 durante a construción do complexo de edificios comerciais do Rockefeller Center, na altura 69 do edificio General Electric. A imaxe publicouse no xornal New York Herald Tribune e serviu para denunciar a falta de medidas de seguridade do sector obreiro.

O rebelde descoñecido da Praza de Tiananmen

O rebelde descoñecido é o alcume que se lle atribuíu a un home anónimo que se volveu internacionalmente famoso ao ser grabado e fotografado en pé, fronte a unha liña de varios tanques durante a revolta da Praza de Tiananmen (Pekín) en 1989. Converteuse así no símbolo do movemento democrático chinés que pretendía forzar ao goberno a cambiar a dirección política do país.
A imaxe foi feita o 5 de xuño por tres fotógrafos distintos dende os balcóns do Hotel Beijing, xunto á Praza de Tiananmen.

30/04/2012

Cooking chocolate muffins

Sabela Gallego e Marina González /1º ESO A
--------------------------------------------------
Algúns alumnos e alumnas de 1º da ESO fixemos muffins de chocolate nun taller de cociña coa profesora de Inglés.
Ela deunos unha fotocopia da receita. Os ingredientes e a elaboración estaban en inglés é iso serviunos para repasar e aprender vocabulario dunha maneira moi entretida.
Para facer os muffins necesitamos fariña, ovos, iogures naturais, azucre, chocolate, levadura en po e un pouquiño leite. Mesturamos ben todos os ingredientes e despois cunha culler fomos botando a masa nos moldes de papel para facer madalenas. Metemos os muffins no forno a 180ºC durante 25 minutos e xa puidemos saborear este delicioso doce.

De excursión ao porto de Vigo

 Jorge González / 1º ESO A
-------------------------------------
O 27 de marzo os alumnos de 1º de ESO fomos ao porto de Vigo co profesor de Ciencias Sociais.
Nada máis chegar, mandáronnos poñer uns chalecos reflectantes para que se vise ben que eramos visitantes. Despois explicáronnos en que consistía a pesca de baixura e de altura: a de baixura é a que se fai cerca da costa e o barco só vai un, dous ou tres días. Péscanse peixes pequenos como xoubas, raias, bacallaus, sardiñas, luras, chocos... A pesca de altura é a  que se fai lonxe da costa e os mariñeiros pasan varios meses embarcados. Neste tipo xa se pescan peixes moi grandes como o peixe espada ou o atún.
Despois fomos a un viveiro de marisco onde as nécoras, centolos e bois se distribuían en grandes piscinas de auga salgada.
Ese día o porto estaba baleiro, só había unha pequena cantidade de peixe e marisco porque ás 7 da mañá viñeran compralo.
Cando acabamos de ver o porto fomos a unha explanada enorme, ao lado do mar, onde esperaban centos de automóbiles de diferentes marcas e modelos para ser transportados en transbordador.
Acabamos esta visita, pero quedábanos por ver o transporte de colectores e dirixímonos a outra explanada chea de colectores e tanques de gasolina. Ao seu carón estaban as vías de tren por onde tamén chegaban colectores con diferentes cargas que teñen que pasar unha inspección con máquinas e cans rastrexadores. Ese día estaban cargaban muíños de vento.

29/04/2012

Coidado e cría de vermes da seda

Jose Barra, Sabela Barra e Mara Ferreira/1ºC
----------------------------------------------------------------------
Os alumnos de 1º ESO están facendo un traballo de CC.NN coa profesora Macame . O traballo consiste en coidar vermes da seda ata que se transformen en bolboretas e despois reproducilos .
Ao principio os vermes son pequenos e negros co paso do tempo medran e vólvense marróns e brancos, despois estes transfórmanse en bolboretas ( non hai un número determinado de días para que se produza a metamorfose, varía duns vermes a outros) que porán ovos que de ser fecundados volverán saír vermes.
O coidado dos vermes consiste en cambiarlle as follas cada día ou cada dous días. O alimento é a folla da moreira ( en Baiona se localiza detrás do Eroski), tamén poden comer leituga, pero o normal é que morran comendo este tipo de folla.
O problema que presentan os vermes é que poden dar noxo, á hora de cambiar as follas; tamén adoitan ser moi delicados, se lles dá un pouco o sol poden morrer queimados. Cando un verme da seda morre, nótalo porque queda teso e comeza a encoller.

26/04/2012

Animais en perigo de extinción

Noelia Cedeira e Ismael Cabral / 1º ESO A
----------------------------------------------------
Os animais en perigo de extinción son aqueles que están ameazados polos cazadores furtivos, por enfermedades ou por outros problemas que fan que o número de exemplares se reduza significativamente.
Un deles é o tigre siberiano, tamén chamado tigre de Amur, en perigo pola caza furtiva. Moitos dos seus cachorros morren atropelados pola única estrada que está no seu territorio, entre a China e Rusia.
A poboación total que se rexistrou nos últimos anos foi entre trescentos cincuenta e catrocentos exemplares. Afortunadamente a caza ilegal está disminuíndo e creouse un parque para o propio tigre: comezouse con oito exemplares e xa hai máis de cen.
Tamén está en perigo de extinción o koala por causa dos cazadores furtivos que queren a súa pelaxe suave, gris e marrón para fabricar costosos abrigos. A falta de alimentos tamén contribúe á súa desaparición así como que só poidan ter unha cría por ano.
Estes dous animais viven en lugares afastados de nós pero en España tamén hai unha especie en perigo: o lince ibérico. A súa extinción débese á actividade do home, á caza e á tuberculose e podería desaparecer se non se toman as medidas de conservación do seu hábitat pois só quedan mil exemplares. Para poder salvalos hai que controlar a caza ilegal, crear pasos subterráneos ou recuperar a poboación do coello, que é o seu principal alimento.
A IUCN sostén que, se non facemos nada por salvalas, a estas especies e a moitas outras quédalles moi pouco tempo de vida.

24/04/2012

Moitos anos de profesión

Unha vida dedicada ao campo
Anxo Rodríguez / 1º ESO C
-----------------------------------------
José Martínez, “Pepe”, cumpriu xa 96 anos e vive en Belesar. El mesmo nos conta que traballar na terra é moi duro. Os cultivos que necesitan máis tempo son o millo e as uvas. Aprendeu a súa profesión do seu pai. Traballou sempre coa súa familia. Daquela coas ferramentas que se traballaba eran: os arados, as forquillas, os sachos e as gadañas. O que plantaba era para o consumo propio. Aínda agora segue dándolle ao legón. Na súa horta ten repolos, verzas, leitugas, patacas, trigo, tomates e toda clase de sementes para o gando. Traballaba dende a primeira hora da mañá ata a noite. Actualmente é unha afección e non cambiaría nunca o campo pola cidade. Ten dous fillos, 9 netos e 14 bisnetos. É un exemplo dunha persoa que lle dedicou toda a súa vida ao traballo na terra. Empezou a traballar no campo aos 26 anos porque non había outra cousa; antes estivera no mar.

 O zapateiro de Baiona
 Alex Álvarez e Paula Marcote / 1º ESO B
--------------------------------------------
“Son Xosé Manuel Álvarez Méndez e traballo de zapateiro dende hai 27 anos. A miña zapatería está ubicada no número 4 da rúa Cidade de Vigo, en Baiona. O seu nome é Zapatería Pinzón”.
Estas foron as palabras de presentación do zapateiro ao que entrevistamos para saber máis sobre este traballo tan pouco habitual.
Contounos que traballou na construción, no mar e en Citroën. Finalmente, tras a crise do 78, decidiu montar a zapatería xa que só había unha en todo Baiona e o seu propietario ía xubilarse.
Falounos dos materiais que emprega como a cola, a pel, a suela, as gomas porosas...
Tamén nos mostrou as ferramentas que usa: dous tipos de martelos, a lesna, a coitela, a máquina de linaxe, a de ensanchar zapatos, dúas máquinas de coser e unha de lixar.
Contounos que agora non ten axudantes, pero 14 anos atrás tivo tres.
El tamén se vai xubilar moi pronto e recomenda o seu traballo á mocidade, pois parécelle bonito e entretido.

A Garda Civil
Laura Fernández  e María Vázquez / 1º ESO A
-------------------------------------------
Entrevistamos a un garda civil que nos contou como é a súa profesión.
Para ser garda civil fai falla estudar moito, aprobar as oposicións e superar a academia de formación. Tamén é necesario ter o permiso de conducir e teñen que levar uniforme; o novo é verde escuro e verde claro.
A Garda Civil atende aos cidadáns e vela para que exerzan os seus dereitos e liberdades.
O seu traballo non é igual todos os días e o número de denuncias varía en función de se é verán, inverno, fin de semana…
En Baiona non teñen cans rastrexadores, pero en Vigo si que os hai.
O máis satisfactorio desta profesión é axudar á xente e deter aos ladróns. O peor é cando teñen que notificar o falecemento dalguén aos seus familiares.
O 12 de outubro celebran a festa da súa patroa, a Virxe do Pilar.

22/04/2012

Stop Motion

Brais García e Manuel Otero / 1º ESO A
-------------------------------------------
Animación realizada con 126 fotografías.


19/04/2012

Enigmas

Lucas Tank, Martín Gómez/1ºC
---------------------------------------------------------------------------
Enigma 1
Un pastor ten que pasar un repolo, unha ovella e un lobo por un río. No seu barco só pode levar un animal. Como fai?
Opción 1: Se leva primeiro o repolo e deixa sós a ovella e o lobo, o lobo come a a ovella.
Opción 2: Se leva primeiro o lobo e deixa a ovella co repolo; a ovella come o repolo.
Opción 3: Se leva primeiro a ovella e deixa o lobo co repolo non pasa nada. Pero se a volta leva o repolo, a ovella cómeo. E se leva de volta o lobo e déixao coa ovella, este come a ovella.

Enigma 2
María ía co seu pai no camión, e cando chegou a un túnel quedou atrancado e non podía moverse. María moi disposta dálle a solución ao seu pai. Como sairá o camión dese túnel?

Enigma 3
Pancracio vai todos os venres á casa da súa tía que vive no sétimo piso dun edifico do centro da cidade. Os dias que non chove, baixa no cuarto e sobe andando ata o sétimo piso, pero cando chove sobe ata o sétimo. Por que?

Enigma 4
O xefe dunha tribu india dilles aos membros da súa comunidade que o día 23 de decembro cruzará andando o río Potomac, sen afundirse na auga. Cando chega tal data fai o prometido. Como consegue tal, sen afundirse?

Enigma 5
Un día Manuel decide darlle un cambio total á súa vida. Moi cedo de mañá abandona a súa residencia, apagando todas os aparellos eléctricos e pechando a porta tras el. Esta decisión provocaría unha catástrofe con trinta e seis mortos. Por que algo tan pouco violento, como abandonar o domicilio, pode provocar tantas morte?

18/04/2012

Caderno de bitácora dun regatista

Jorge González Silva / 1º ESO A
-------------------------------------
Son regatista de clase optimist do MRCY Baiona e vouvos contar como é unha regata.
Case sempre dura dous días pero algunhas veces, cando estamos en vacacións, pódense facer de tres días. 
Todo comeza cando rematamos o adestramento do día anterior á regata. Cando acabamos, cargamos os optimist e todo o material (velas, temóns, cabos, chalecos e demais cousas necesarias).
O día da competición ás oito e media collemos a furgo e imos ao sitio onde se fai a regata. Pode ser en calquera lugar, por exemplo en Canido, Vigo, Vilagarcía, Ribeira, Carromeiro...
Cando chegamos ao porto temos que preparar os barcos e esperar a que icen delta, que é a bandeira que dá o permiso de saír ao mar ata o campo de regatas. Temos que ir ao mar por unha rampla na que ás veces se fai un un pouco de lío, pero con orde sempre se consegue saír.
Primeiro sae o barco comité, barco que dá a saída e se encarga basicamente de todo. Tamén están as zodiac cos monitores e con espectadores que veñen ver a regata.
Rematada a competición volvemos ao porto e gardamos todo no carro antes de irnos ao hotel. Alí preparámonos, duchámonos e imos cear.
Ás veces, se hai sorte, imos ao cine ou a xogar aos bolos.
Cando xa estamos cansados imos durmir ao hotel e ao día seguinte volveremos competir coma no día anterior.
Cando acaba todo preparámonos para regresar a Baiona.

13/04/2012

Londres, cidade para visitar

María Cedeira / 1º ESO A
---------------------------------
Londres é unha das cidades máis interesantes e visitadas do mundo. Cando fun era inverno pero non vos recomendo ir nesa época pois, aínda que estaba todo precioso coa neve e os lagos xeados, ía demasiado frío para disfrutalo ao máximo.
O primeiro que vos recomendo ver é o British Museum xa que ten unha exposición sobre arte exipcia moi chula con momias, xeroglíficos, esculturas...
Outro museo divertido é o Madame Tussaud no que se mostran personaxes feitos con cera como Michael Jackson, Emma Whatson, Robert Pattinson ou a raíña de Inglaterra.
O seguinte que deberiades visitar é a Torre de Londres, fortaleza dos Tudor que serviu de cárcere.
Tamén podedes pasear pola rúa dos teatros e ver algún musical como ”MAMMA MIA” de Abba (un dos máis vistos) ou ”We will rock you”, de Queen, que parece un concerto.
Se vos entra a fame podedes coller forzas nos Starbucks, que son uns cafés moi famosos e moi transitados, ou no Hard Rock Café (teñen roupa, guitarras, discos firmados polas máis importantes estrelas de rock, un dos discos de ouro de Elvis...)
Os almacéns Harrods pertenceron ao pai do pretendente de Lady Di e dentro hai un altar que ten o seu anel de compromiso. A verdade é que son tan grandes que te podes perder e están moi ben decorados.
Non debedes deixar de coñecer o mercado de Candem Town que é unha especie de mercado cuberto construído nos vellos establos de Londres, onde se gardaban e descansaban os cabalos, por iso está decorado con cabalos de bronce. Había unha tenda futurista onde vendían pequenos robots que se movían, comida de astronauta, roupa, maquillaxe, gafas de sol fluorescentes... Todo era chulísimo!
Só espero que vos animedes a visitar Londres!!!

Seguindo a pista a 29000 parrulos de goma

Yolanda Domínguez e Alex Álvarez / 1º ESO B
------------------------------------------------------
Ocorreu unha furiosa noite de xaneiro de 1992, cando un buque que saira de Hong Kong rumbo a América se avariou no medio do Océano Pacífico. Por culpa dos movementos do barco, algúns dos colectores desprendéronse das súas amarras e caeron á auga no medio da tormenta. Un deles verteu no mar 29000 xoguetes para a bañeira: parrulos, tartarugas, castores e ras. As correntes arrastraron os parrulos amarelos, as tartarugas azuis, os castores vermellos e as ras verdes.
 Os científicos seguiron con interese a traxectoria dos xoguetes ata as costas de Alaska, Gran Bretaña ou Australia e aproveitaron esta información para estudar as correntes marítimas.
A prensa de todo o mundo fíxose eco desta noticia e incluso SEAT utilizou esta historia para anunciar un dos seus coches.
Houbo persoas que chegaron a pagar 1000 euros por algún daqueles xoguetes avellentados despois da longa travesía.
Vinte anos despois do naufraxio aínda hai moitos parrulos que non chegaron ás costas.

11/04/2012

Festas gastronómicas

Jose Barra, Sabela Barra e Mara Ferreira/1ºC
----------------------------------------------------------

Non cabe dúbida de que Galicia é unha terra que ten fama de que se come ben ; tanto pola calidade dos produtos como pola cantidade. Proba diso son as festas gastronómicas que se estenden por todo o territorio galego. Aquí no Val Miñor, na localidade de Baiona destaca a Festa do mel e das noces que se celebra coincidindo coas festividades de San Cosme e San Damián (26 e 27 de setembro). Durante dous días, na praza de Santa Liberata, concéntranse numerosos postos onde se venden e se poden degustar estes produtos. En Gondomar, temos a Festa da rosquilla, o primeiro domingo de xullo na romaría da praza de San Bieito. Tamén en Gondomar, pero na parroquia de Chaín celébrase a Festa do xurelo cociñado de maneiras distintas. En Couso, son as delicias do porco as que se poden saborear na primeira semana de agosto. O concello de Nigrán ten dúas festas gastronómicas importantes: a do churrasco, na parroquia de Priegue. Nesta celebración, pódese degustar un menú a base de churrasco, cachelos, pan, viño e doces variados. Nesta mesma parroquia tamén se fai a Festa do lacón con grelos. Preto desta comarca temos o concello de Oia, aquí podemos asistir as festas do Ourizo o 11 de marzo na localidade de Mougás, nesta festa podemos degustar este produto de xeitos distintos. A Festa do polbo, cociñado á feira ou en empanada, celébrase o último sábado de abril. En agosto, temos dous acontecementos: a Festa do Caramuxo e a Festa degustación de carne de poldro organizada pola A.S.C.V. Virxe do Rosario de Torroña.

 Ao longo da comunidate atopamos outras festas, destacando: Festa da lagosta, na Guarda, Festa da lamprea en Arbo, Festa do cocido en Lalín, Festa do polbo no Carballiño, Festa do marisco no Grove. Poderiamos seguir xa que peixes, carnes, hortalizas son obxecto de celebración.