25/11/2011

O sabor da Castaña chega ao CPI de Cova Terreña

Andaina, cansazo, diversión e castañas conflúen no Chan da Lagoa

Abrahan Soto, Sabela Barra, Jose Barra / 1º ESO C
--------------------------------------------------

O día 18 de outubro celebrouse , coma todos os anos, o magosto en Cova Terreña. Dende a saída, ás 11:00, ata O Chan da Lagoa a Policía Local acompañou os rapaces. Os alumnos de primaria foron os primeiros en saír, eran os máis ilusionados. Despois seguíronlles os de secundaria que subiron a pé pola costa de Baredo e continuaron monte arriba por un camiño ben longo. A máis de un caeulle un berro por adiantar á profesora Adela. Foi ben esgotador, máis de un suaba como sardiña ao lume. Nada máis chegar e despois dunhas breves instrucións, cada un buscou o seu sitio para repoñer forzas e dar conta do seu xantar.
Despois de estar ben alimentados cos ricos bocadillos, divertíronse con xogos populares (corda, pano, sacos). Logo saborearon, como non, unhas ricas castañas asadas nun forno dunha panadería, porque este ano non foi posible facer fogueiras polo alto risco de incendio. Aínda que non houbo cacharelas foron moitos os que acabaron coa cara tisnada de cinza; isto alegrou moito a actividade.
A volta, ás 4:30, foi en autobús, xa que non estaban os corpos para máis exercicio. Só quedaba chegar á casa e darse unha boa ducha.

Sem comentários:

Enviar um comentário