29/11/2011

A moda tamén chega a 1º de ESO

Uxía Miniño e Carla García / 1º ESO C
---------------------------------------

Os rapaces de 1º de ESO gústalles moito vestir con chuvasqueiros de “Pull and Bear” que levan combinados con pantalóns de todas as cores. Destacan o verde, azul forte, vermello, laranxa, amarelo, negro e como non, os vaqueiros. Nos pés, o máis habitual é calzar tenis “Nike”, “Adidas” ou “Rebook”. Esta roupa e calzado combínana con peiteados á moda, sendo a cresta o máis habitual.

As rapazas visten con pantalóns de cores chamativas, combinadas con americanas e camisetas de distintas tonalidades (areas, castaños, vermellos, verdes, morados…). Esta roupa adórnana con distintos complementos como: bufandas de la, panos, foulares. E para dar máis cor a súa apariencia pintan as uñas de cores vivas e chamativas. Para os pés, destacan os botíns forrados de la.


É importante a moda nas persoas e por extensión nos adolescentes?

Ante a análise anterior, podemos dicir que a moda inflúe.

Si cremos na importancia de vestir á moda. É moi raro que un adolescente non lle dea importancia a moda, de feito se levamos o último séntimonos máis seguros/as. Incluso os/as amigos/as e compañeiros/as vennos doutra maneira. Ás veces a persoa máis popular é a que leva a roupa máis de moda. Por outro lado, son moitas as ocasións, en que as persoas que non seguen as liñas da vestimenta se ven discriminadas ou dalgunha maneira pertencen a un grupo menos popular ou polo menos destacan pola súa roupa desfasada. Polo tanto a moda inflúe, pero non podemos volvernos escravos da mesma. Cada persoa debe ir segundo os seus gustos, non cabe dúbida que as tendencias acaban influíndo case sempre, en maior ou menor grao, pero isto non debe servir para pensar que somos mellores ou peores, a persoa non a determina a roupa.

Máis ordenadores do proxecto ABALAR para as aulas

Entrevista a Adela Mirás, directora do CPI Cova Terreña
Alumnado 1º ESO B / Baiona
---------------------------
Este curso os rapaces de 1º ESO incorpóranse ao Proxecto ABALAR con ordenadores que os axudarán nos estudos e mellorarán as competencias.
Para resolver as súas dúbidas, o pasado 18 de novembro fixéronlle esta entrevista a Adela Mirás, directora do seu colexio.

Pregunta- Cando cres que virán  os ordenadores?
Resposta- Os ordenadores xa chegaron ao centro. Estes días están instalándoos en 5º e o luns xa o fan en 1º de ESO.

P.- Que tipo de ordenadores son e que características teñen?
R.- Son Netbooks plegables cunha pantalla xiratoria. O sistema operativo que utilizan é Ubuntu.

P.- Ademais dos ordenadores, vai vir outro tipo de material?
R.- Tamén veñen pantallas dixitais, carros cargadores e altofalantes para o carro.

P.- Van poñer máis enchufes para poder traballar?
R.- Non porque o carro xa é o cargador deles e teñen autonomía para poder traballar toda a mañá.

P.- Cada alumno vai ter sempre o mesmo ordenador?
R.- Si, cada ordenador é de uso persoal e o alumno faise responsable del durante todo o curso, ademais de ocuparse de poñelo no carro cargador.

P.- Haberá que pagar por usalo?
R.- Non, xa pagamos impostos para, entre outras cousas, ter un ensino de calidade.

P.- Poderanse levar os ordenadores para a casa?
R.- Non se van poder levar para que non vos esquezades de traelos cada día e para que non lles pase nada. Ademais, case todos, por non dicir todos, tedes ordenador nas vosas casas.

P.- Poderemos gardar os nosos arquivos neles?
R.- Si pero haberá profesores que prefiran que os gardedes nun pen para que poidades levar o traballo para a casa.

P.- Encenderemos os ordenadores á primeira hora da mañá e apagarémolos á saída ou haberá que facelo entre clase e clase?
R.- Iso dependerá do profesor e do uso que queira facer deles cada día.

P.- Poderanse descargar aplicacións?
R.- Non, para descargalas ten que dar permiso a Xunta.

P.- Poderemos visitar todas as páxinas web ou o sistema non nos deixará entrar nalgunhas?
R.- Poderedes acceder a internet sen ningún problema e visitar páxinas que nos sirvan para aprender como por exemplo enciclopedias dixitais, mapas interactivos… Pero o profesor vai ser o que vos guíe e vós tedes que cinguirvos ao traballo que vos pida.

P.- Con tantos ordenadores conectados á rede, non se sobrecargará o sinal de internet?
R.- Espero que non, o colexio está preparado para que iso non pase e esta aula, por exemplo, colle o 73% de sinal.

P.- Que ocorre se se rompe algún ordenador accidentalmente?
R.- Se se estraga ou o ataca algún virus o centro encargarase de arranxalo.
Se se rompe por tratalo mal, o culpable terá que someterse ás normas establecidas polo centro.

P.- Cres que os alumnos respectarán as normas de uso?
R.- Eu creo que si porque sodes uns rapaces responsables. Os que veñen de fóra sorpréndense do coidado que está todo e iso débese a que vós o coidades e a que Víctor está atento para amañar axiña calquera desperfecto.

P.- Pensas que os ordenadores acabarán substituíndo ó libro de texto?
R.- Non, aínda que iso dependerá de cada profesor. Ábrense moitas portas con isto pero non debemos esquecer que a cabeza é a ferramenta principal que temos.


28/11/2011

Volve o derbi Celta-Deportivo

Gabriel Seoane, Alberto Trapero e Luis Bandeira / 1º ESO C
------------------------------------------------------------

ANTES DO PARTIDO

Despois de cinco anos volvemos a gozar dun encontro ilusionante.
O domingo 13 de novembro disputarase o derbi soñado polos galegos. Será en Riazor ás 20:00, pénsase no cheo, nun enfrontamento que volve despois dun lustro.
O Celta vén de gañar 1-0 ao Cartaxena, mentres que o Depor chega coa baixa de Guardado.
Aspas encendeu o acontecemento deportivo dicindo: “Soy antideportivista”. Declaración polémica que apareceu no diario AS. Feito que condicionou a pedir perdón a Herrera.
Está catalogado como un partido de alto risco, polo que se preparan fortes medidas de seguridade para que non se produzan enfrontamentos entre os siareiros de ambos conxuntos.

O DÍA DESPOIS DO DERBI

O Dépor faise co partido. Despois dunha 2ª parte louca na que o gran protagonista foi o xogador celeste Fabián Orellana, que entrou ao terreo na segunda metade, este revolucionou o encontro. Fabián puxo as táboas no minuto 82 e só un minuto máis tarde cometeu un erro que aproveitou Lassad, marcando o segundo para o Dépor. O celta foise para a casa cun resultado oposto ao que demostrou no terreo de xogo, xa que foi moi superior ao conxunto blanquiazul.
Esperemos ver un partido semellante en Balaídos, pero que esta vez a sorte se decante polos celestes. Se iso pasou no terreo de xogo, fóra e despois do enfrontamento deportivo produciuse un enfrontamento entre os seguidores dos dous equipos.
Xa no campo houbo lanzamento de bengalas e isto continuou fóra do recinto cun 80% dos autobuses dos siareiros do Celtiña con desperfectos, provocados por pedras.

26/11/2011

Prensa e poesía comparten parede

O inconformismo  da  poesía de Celso Emilio Ferreiro serviu  para que  o alumnado de  1º ESO B reflexionara sobre problemas que diariamente enchen a prensa de noticias que confirman que "o mundo non está moi bon". Despois de seleccionar os titulares e agrupalos por seccións, construíron un mural tradicional de cartolina e recortes. Este glog fíxose aproveitando ese material.


Unha mañá de fotos e letras

Os rapaces de 1º ESO visitan a Casa das Palabras

Laura Hermida, Irene Barra e Brais García / 1º ESO A
------------------------------------------------------

O pasado 4 de novembro 42 alumnos e alumnas do CPI Cova Terreña visitaron o Museo Verbum de Vigo acompañados polas profesoras de Lingua Galega e Apoio.

A xornada contou cun percorrido por diferentes cubos con xogos interactivos que lles axudaron a  entender mellor a comunicación non verbal. 
Tamén participaron nun obradoiro de Stop Motion. Eles mesmos fixeron dúas curtametraxes con fotos feitas a bonecos de papel  que fotografaron despois de ilos movendo pouquiño a pouco e que o ordenador converteu despois en película. Os filmes foron titulados como "A cidade acuática" e "Un partido perfecto".
Os participantes aseguran ter disfrutado con esta saída e recomendan a visita ao museo xa que  as actividades que oferta adáptanse a calquera idade.

25/11/2011

O sabor da Castaña chega ao CPI de Cova Terreña

Andaina, cansazo, diversión e castañas conflúen no Chan da Lagoa

Abrahan Soto, Sabela Barra, Jose Barra / 1º ESO C
--------------------------------------------------

O día 18 de outubro celebrouse , coma todos os anos, o magosto en Cova Terreña. Dende a saída, ás 11:00, ata O Chan da Lagoa a Policía Local acompañou os rapaces. Os alumnos de primaria foron os primeiros en saír, eran os máis ilusionados. Despois seguíronlles os de secundaria que subiron a pé pola costa de Baredo e continuaron monte arriba por un camiño ben longo. A máis de un caeulle un berro por adiantar á profesora Adela. Foi ben esgotador, máis de un suaba como sardiña ao lume. Nada máis chegar e despois dunhas breves instrucións, cada un buscou o seu sitio para repoñer forzas e dar conta do seu xantar.
Despois de estar ben alimentados cos ricos bocadillos, divertíronse con xogos populares (corda, pano, sacos). Logo saborearon, como non, unhas ricas castañas asadas nun forno dunha panadería, porque este ano non foi posible facer fogueiras polo alto risco de incendio. Aínda que non houbo cacharelas foron moitos os que acabaron coa cara tisnada de cinza; isto alegrou moito a actividade.
A volta, ás 4:30, foi en autobús, xa que non estaban os corpos para máis exercicio. Só quedaba chegar á casa e darse unha boa ducha.

Torneos escolares

Mara Ferreira e Abraham Soto / 1º ESO C
-----------------------------------------

Dende o principio de curso, nos recreos do CPI de Cova Terreña organízanse partidos de fútbol e baloncesto como actividades para ocupar o tempo do recreo.
Os partidos arbítranos alumnos de forma voluntaria e duran 20 minutos aproximadamente.
A persoa que se encargou de levar a cabo este proxecto foi a profesora de Educación Física, Marta, docente que xa tiña experiencia en actividades coma esta noutros centros e coma ela di axudan na educación dos alumnos. De feito contribúen a mellorar distintas actitudes e a madurar como persoas.
Por outro lado é importante reseñar a aceptación que teñen estes torneos, entre un gran número de alumnos.
Esta actividade rematará coa entrega dun agasallo para o xogador máis destacado ”fair play”.

Entrevista a Marta Taboada Solla, profesora de Educación Física.
-Por que organizaches estes torneo?
-Porque é interesante para ocupar o tempo do recreo.
-Tes experiencia de facer este tipo de actividades noutros centros?
-Si, en todos os que estiven. Cinco ou seis.
-Cantos equipos pode haber?
-Tantos como se queiran formar.
-Non cres que os recreos son un pouco curtos para disputar partidos de fútbol ou de baloncesto?
-Si, pero é do tempo do que dispoñemos.
-Quen se encarga de arbitrar os partidos?
-Alumnos voluntarios.
-Cales son os deportes máis populares nestes torneos?
-O que máis participación ten é o fútbol.
-Cales son os premios?
-Aínda non se decidiron, pero o xogador máis deportivo ”fair play” levará un agasallo.
-En que axudan estes torneos á educación?
-Na colaboración cos demais, na tolerancia, na aceptación de normas, no respecto para cos demais.
-Estás contenta co desenvolvemento dos torneos?
-Ata agora, podo dicir que si.

24/11/2011

Equipo de redacción de Primeiro Expreso

 José Luís Vilar Gallego / 1º ESO B
--------------------------------------
A rapazada de 1º de ESO propuxémonos facer unha revista para contar as novidades que ocorran no colexio.
En total somos 61 alumnos e estamos distribuídos en tres aulas. Aínda que somos  moi diferentes uns dos outros, levámonos bastante ben.
A maioría estudamos primaria aquí, no Cova Terreña, pero tamén hai rapaces que están este ano por primeira vez no centro porque fixeron 6º en Belesar, Panxón ou Mallón.
O que máis nos gusta a todos é o recreo. Nel uns dan voltas ao colexio "cotilleando" sobre o que pasa, outros participan nos torneos de fútbol e baloncesto que organiza a profesora de Educación Física e outros animan aos que xogan.
Moitos de nós tamén participamos no Reto Semanal de Matemáticas que consiste en resolver uns problemas moi entretidos, algúns teñen trampa, e o que gane o concurso leva un premio que aínda non coñecemos.
Para que poñades cara aos autores, deixámosvos as fotos dos rapaces e rapazas que participamos neste traballo.
1º ESO A


1º ESO B
1º ESO C

16/11/2011

Videopoema de Pilar Pallarés

Imaxes e música, aliados perfectos para axudar a comprender calquera texto (mesmo poesía!)

Non quero nada. Xa todo o teño on PhotoPeach

05/11/2011

Pautas para redactar a túa noticia

A noticiaNon lembras as partes que debe ter unha noticia ou as preguntas ás que debe responder? Aquí tes un recordatorio para refrescar ideas.